ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.948
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

Semana de Reparación da Memoria

Novembro de 2017

A Deputación organizou unha semana de actividades arredor da reparación da memoria histórica no salón de plenos do Pazo provincial entre o 6 e o 10 de novembro de 2017. Era a primeira vez que a institución organizaba un acto para recoñecer as persoas represaliadas tras o golpe fascista.

A semana comezou cunha sesión sobre a campaña "San Simón. Illa da Memoria", continuou coa presentación do libro sobre a represión no ensino en Marín, cun recital poético, coa mostra "Rexas" e, finalmente, cun concerto da Orquestra de Cámara Galega. Entre as actividades desenvolvidas proxectouse o documental Aillados, da Asociación O Faiado da Memoria, con testemuñas de como era a vida na illa cando era campo de concentración e cárcere. A continuación tivo lugar un pequeno coloquio, no que participaron Antón Caeiro, da Asociación O Faiado da Memoria; e Matías Rodriguez Datorre, da Iniciativa Galega pola Memoria, organización que impulsa a campaña para que San Simón acolla actividades relacionadas co seu pasado durante a guerra e a posguerra.

O martes tivo lugar a presentación do libro Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940), da autoría de Celso Xavier Milleiro Sánchez e Xosé Manuel Moreira Docampo e editado pola Deputación de Pontevedra. O mércores foi a quenda da poesía cun recital a cargo de poetas como Míriam Ferradáns, Xosé María Álvarez Cáccamo, Lucía Novas, Elisabeth Oliveira, Marta Dacosta e Luis Chapela, cunha sesión de micro aberto. O xoves a exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" inaugurouse no Pazo provincial tras a súa itinerancia por diversas comarcas da provincia. Finalmente, o programa de actos rematou cun concerto da Orquestra de Cámara Galega.