Gravadas na memoria
"Gravadas na memoria" é un proxecto da área de Memoria Histórica que recolle en cinco pezas de formato audiovisual (45-50') o testemuño de seis persoas que viviron moi de preto a represión franquista, co fin de gardar os poucos testemuños directos que aínda quedan do acontecido durante a Ditadura.
As gravacións permiten facer un percorrido pola memoria do período republicano, nomeadamente da escola, do Golpe ou da represión que chegou despois, cun protagonismo moi especial para a illa de San Simón. Nelas recóllense as lembranzas das persoas entrevistadas que estiveron na illa visitando os seus familiares durante o tempo no que foi cárcere, mesmo as vivencias da descendencia dun dos matrimonios que se forxou entre un preso e unha madriña.
"Gravadas na memoria" é a terceira parte dun ambicioso proxecto de recuperación da memoria en primeira persoa, que se completa coa edición de relatos autobiográficos, coma o de Mariví Villaverde, e co programa "Cae de caixón", que recompila fotografías e documentación en mans de particulares para facelas públicas a través de Atopo, o buscador provincial.
A memoria é patrimonio de toda a sociedade e as administracións teñen a obriga de coidala como calquera outro ben de interese xeral.
- Teresa e Bernardo Nores Blanco, o seu pai, Joaquín Nores, e a súa nai, Teresa Blanco, coñecéronse cando el estaba preso en San Simón e ela ía á illa levarlle comida a un veciño de Calatayud. Na entrevista falan de Anguieiro e de toda a represión padecida pola súa familia.
Ver trailer
- José Recuna, sobriño de Elpidio Villaverde (primeiro alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa), foi, logo da morte de Franco, o primeiro alcalde democrático da cidade. Lembra o cárcere que padeceron persoas da súa familia, tías e tíos, e tamén as súas visitas a San Simón, con notas entre as roupas, cando era neno, e tamén o exilio de varios dos seus tíos.
Ver trailer
- Fefa Mojón conta a historia do seu irmán, Antonio Mojón, mestre socialista da Cañiza, asasinado o 31 de outubro de 1936. Ela era unha nena, pero lembra o que supuxo para a súa familia e como os seus pais militaron na memoria, mesmo recollendo na lápida do fillo que "unha fatal gadaña" rematara coa súa vida.
Ver trailer
- Carmen Castro Araújo, viguesa de cen anos, fai un repaso polo que foi o tempo republicano, sobre todo no referente ao ensino, e tamén fala do asasinato do seu tío Pepe e doutros vigueses coma o alcalde Emilio Martínez Garrido ou Heraclio Botana. A súa familia viuse obrigada a deixar a cidade olívica para refuxiarse en Paredes (Vilaboa), logo do Golpe.
Ver trailer
- Antonio Monroy, orfo de Adolfo Monroy Figueroa, veciño de Alcabre asasinado o 10 de novembro de 1936, fala non só do seu pai, senón tamén dos represores e da vida que levaron logo a súa nai, Pepa Álvarez Quintas, e mais a descendencia (nove crianzas).
Ver trailer