Xornada "Individuas de dudosa moral"
- 8 de abril de 11:30 h a 20 h
- Salón de plenos do Pazo provincial
- Programa
AVISO
A capacidade do salón nobre do Pazo Provincial para as xornadas está xa completa.
As persoas interesadas nos relatorios poden seguilos en directo en liña a través da web da Deputación.
As charlas subiranse posteriormente á canle de Youtube provincial.
"INDIVIDUAS DE DUDOSA MORAL"
(A SEXUALIDADE FEMININA, OUTRA VÍTIMA DA REPRESIÓN FRANQUISTA)
Durante a ditadura as mulleres foron as principais receptoras de castigos de marcado carácter sexista coma a rapa do pelo, a tatuaxe da pel, a inxestión obrigada de aceite de rícino ou as agresións sexuais.
O réxime relegounas ao ámbito do fogar, desbotando os avances en dereitos que comezaran a adquirir na etapa republicana, e foron tratadas como menores de idade e a súa sexualidade foilles negada. A Sección Femenina de Falange e a Igrexa marcaron as pautas do que debía ser a súa vida íntima, que non tiña máis finalidade que satisfacer as necesidades do varón.
Para entender como ese adoutrinamento condicionou a vida das mulleres, o departamento de Memoria Histórica da Deputación organiza as xornadas Individuas de Dudosa Moral: a Sexualidade Feminina, outra Vítima da Represión Franquista, nas que se abordará esta temática desde unha perspectiva ampla.
A xornada iniciarase ás 11:30 horas. Após a inauguración oficial, impartirase a charla "A negación da sexualidade das mulleres: a Sección Feminina" que impartirá a historiadora María Victoria Martins, especialista no estudo da represión con perspectiva de xénero.
A continuación, terá lugar unha mesa redonda baixo o título "O Patronato de Protección a la Mujer: un cárcere para as descarreiradas". A represiva institución franquista será abordada por dúas das mulleres que máis a estudaron. Por unha banda, a xinecóloga Enriqueta Barranco, que investigou concretamente o centro lucense Nuestra Señora de los Ojos Grandes. Por outra, a xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Ciudadana contra la Impunidad del Franquismo e probablemente a persoa que máis investigou o funcionamento do Patronato a nivel estatal.
A sesión da tarde abrirase coa mesa redonda "O roubo de bebés", coa presenza de Soledad Luque, presidenta da asociación Todos los Niños Robados Son también mis Niños, e a avogada das vítimas agrupadas nela, Maite Parejo, penalista experta en dereitos humanos. Haberá tamén unha intervención por videoconferencia de Marga Rodríguez, cuxo irmán foi roubado dunha clínica galega o día que naceu. A xornada finalizará coa intervención de Nanina Santos, historiadora e feminista, que falará sobre a represión contra as mulleres lesbianas, e proxectarase o documental de Art al Quadrat Sacar a la luz.