ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

ARQUIVO DA IRMANDADE SINDICAL DE LABRADORES E GANDEIROS DE DOZÓN

Identificación

Arquivo da Irmandade sindical de labradores e gandeiros de Dozón.
Fondo documental depositado no arquivo municipal de Dozón.
Recuperado na sede da Cámara Agraria Local.

Datos básicos

Organización documental: 2003
Nº unidades de instalación: 21
Datas extremas da documentación: 1944-1992

Actuacións Servizo Técnico Patrimonio Documental

Dirección técnica:
Miguel Pereira Figueroa
José Luis Castro Carpintero
Lourdes Pérez-Santamarina Feijóo

Traballos de organización e descrición documental:
José Ramón López Fernández

Mapa

A Irmandade sindical de labradores e gandeiros de Dozón tivo como sede diversos locais alugados onde a delegación local do sindicato vertical viña cumprindo coas súas tarefas burocráticas con enormes dificultades de financiamento polo escaso número de productores agropecuarios do concello, o cal provocou que se situase baixo a influencia e supervisión da irmandade sindical de Lalín, cando menos ata finais dos anos 50, garantindo así o cumprimento dos servicios administrativos básicos para os que foi creada.

Esta situación inestable en canto ás infraestructuras e ós equipamentos manteríase ata a consecución dunha casa da irmandade propia construída ó pé da estrada nacional Ourense-Santiago entre os anos 1968 e 1969 tras a compra dun pequeno soar en 1967 situado en Castro-Dozón. O financiamento do novo edificio levouse a cabo mediante a concesión de diversas subvencións da COSA e outros organismos públicos de natureza agraria ademais das pertinentes achegas dos propios agricultores afiliados ó sindicato.

O edificio, situado á beira da casa do concello consta de dúas plantas, distribuídas antigamente a parte baixa en almacén-celeiro e a alta para acoller os servicios administrativos.

O feito da súa situación non vén máis que reforzar o papel do lugar do Castro como a nova capitalidade municipal tras o polémico traslado dende o lugar de Dozón motivado por ser neste centro de comunicacións onde se atopaban os principais servicios administrativos do momento (garda civil, concello, farmacia, etc..)

A substitución das irmandades polas novas cámaras agrarias no ano 1977 supuxo un declive da actividade deste organismo local de escaso peso polo seu desexo de aumentar a centralización dos servicios agrarios das cámaras chegándose ó total abandono e á supresión final nos anos 90. Na actualidade, o edificio, coa titularidade cedida pola Xunta de Galicia ó concello, mantén uns usos totalmente afastados dos fins agrarios e serve de local de ensaio de grupos musicais e garaxe particular ademais doutros usos ocasionais municipais manténdose nunhas precarias condicións de conservación.

Debido a estas razóns, e ante o risco da desaparición do volume documental existente no seu interior, para a súa organización e conservación trasladouse á propia casa do concello, unha moderna edificación de dúas plantas con dependencias suficientes no seu interior e en bo estado de conservación.

O local no cal se depositou a documentación está situado na parte baixa da casa do concello, o primeiro á dereita da escaleira de acceso á planta superior, cunha superficie aproximada de seis metros cadrados e unhas boas condicións de habitabilidade, iluminación e ventilación; comparte instalacións (estantería metálica, mesa de consulta) co arquivo do xulgado de paz e as últimas incorporacións do propio arquivo municipal que excederon a capacidade do local contiguo.

Nesta nova situación, suficiente en tanto que ó ser un arquivo pechado non sufrirá novas incorporacións, garántese a súa conservación, á espera dunha posible centralización nun mesmo local da escasa documentación conservada das antigas irmandades agrarias da provincia pontevedresa.