ATOPO
Rexistros actuais: 1.353.689
Obxectos dixitais dispoñibles: 500.410

A Deputación levará a dez concellos da provincia o documental ‘Fontán, o primeiro rostro de Galicia' sobre a historia e a orografía galega

A proxección e o posterior coloquio están destinadas a alumnado de institutos e centros de formación profesional

09 de febreiro de 2023 , Memoria histórica
Orografía galega

A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vai levar a dez concellos da provincia a proxección do documental ‘Fontán, o primeiro rostro de Galicia' para achegar á mocidade, cunha linguaxe sinxela, o proceso que levou a Domingo Fontán a determinar, a través da Carta Xeográfica de Galicia, a orografía do territorio do país nunha época na que non existían novas tecnoloxías.

A peza audiovisual, destinada a alumnado de institutos e centros de formación profesional , convida a facer un percorrido pola historia e a orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar.

A actividade, de balde para os concellos, inclúe a proxección do documental (de 30 minutos) cunha introdución e un coloquio posterior, a cargo de parte do equipo realizador, o que chegaría a unha duración total de aproximadamente 90 minutos. Desta maneira o alumnado coñecerá a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos máis grandes homes que deu Galicia, e reflexionará sobre a importancia do seu Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro de España realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX, durante 17 anos da súa vida. Naqueles casos nos que sexa posible coñecerán tamén instrumental para medir distancias e ángulos, similar ó de Fontán co fin de comparalo co que existe na actualidade.

Para optar a un destes pases con coloquio, os concellos interesados deberán presentar a través da sede electrónica unha instancia no rexistro da Deputación de Pontevedra  entre o vindeiro luns 13 de febreiro de 2023 e o martes 14 de febreiro,  indicando que queren participar no proxecto ‘Fontán'. Serán adxudicatarios da actividade os dez primeiros concellos que presenten instancia por rigoroso orde de entrada. As proxeccións non poderán ser posteriores ao 30 de abril de 2023.