ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

O CPI de Portas acolle mañá a proxección do documental sobre o veciño ilustre que dá nome ao centro educativo: Domingo Fontán

Alumnado de 1º e 2º de Bacharelato coñecerá máis a fondo ao que foi "un dos científicos máis relevantes da historia de Galicia" grazas ás actividades organizadas pola Deputación

Domingo Fontán

O CPI de Portas vai acoller mañá venres a xornada central do ciclo de proxeccións do documental ‘Fontán, o primeiro rostro de Galicia' sobre o matemático e xeógrafo Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866). Trátase dunha actividade impulsada polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra –dirixido pola deputada María Ortega-, que pretende achegar un dos científicos máis relevantes da historia de Galicia aos centros educativos da provincia, neste caso á rapazada do seu lugar de nacemento.

A peza audiovisual que se proxectará convida a facer un percorrido pola historia e a orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. No caso de Portas, a decana da Facultade de Matemáticas, catedráticos en Xeografía, enxeñeiros de camiños e outras personalidades como Alberto Fortes estarán presentes para charlar co alumnado.

A proxección , de feito, estará acompañada unha introdución e un coloquio posterior, a cargo de parte do equipo realizador (Kaito Estudios). Desta maneira o alumnado, que en Portas estará formado por dúas clases de  1º e 2º Bacharelato (47 rapazas e rapaces máis profesores de Xeografía), coñecerá a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos máis grandes homes que deu Galicia, e reflexionará sobre a importancia do seu Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro de España realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX, durante 17 anos da súa vida. Coñecerán tamén instrumental para medir distancias e ángulos, similar ó de Fontán, co fin de comparalo co que existe na actualidade, principalmente os teodolitos que utilizan os topógrafos.

Ademais do CPI Domingo Fontán o ciclo de proxeccións chegará tamén ao IES de Mos, o IES de Chapela (Redondela), o CPI Mosteiro-Meis, aos IES de Ponteareas, o CPI Manuel Suárez (O Rosal), o CPI Santa Lucía (Caldas de Reis), o IES Pintos Colmeiro (Silleda), o IES de Pontecaldelas e o IES Poio.