ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.324
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.655

GALICIA EN 78 RPM. Fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra

GALICIA EN 78 RPM
VV. AA. , 2016 , EDPO-002

Este traballo discográfico contén 22 gravacións históricas galegas dos fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico (SPDB) da Deputación de Pontevedra, que exemplifican o gran valor patrimonial da colección.

As gravacións recollidas neste disco foron impresionadas entre 1904 e 1955 aproximadamente, tanto en Galicia como na diáspora, das que destacan as realizadas en países como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Estados Unidos.

Esta selección permite facer un percorrido por algúns dos coros, grupos de gaitas, corais, bandas de música, orquestras, cantantes líricos e conxuntos de música popular máis importantes da nosa historia musical, na que a provincia de Pontevedra ocupa un lugar relevante a través dalgunhas das agrupacións, artistas e compositores referenciais do país, como o coro Aires d'a Terra, os Gaiteiros de Soutelo de Montes, o virtuoso violinista Manuel Quiroga, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra ou o compositor ponteareán Reveriano Soutullo.

Desta escolma musical sobresaen a Danza de espadas galaica, impresionada en 1904 polo gaiteiro e boticario Perfecto Feijóo con acompañamento de redobrante e bombo, descoñecida ata que en 2016 o SPDB recuperou un exemplar para os seus fondos, así como importantes primeiras gravacións como o Himno a Galicia do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo de 1918, a Lela de Castelao do Coro do Centro Galego de Montevideo ca. 1955, ou a Cántiga de Curros Enríquez e Chané da cantante lírica cubana Chalía Herra de 1912.