ATOPO
Rexistros actuais: 1.114.717
Obxectos dixitais dispoñibles: 419.124

A biblioteca do arquivo da Deputación, incluída no mapa estatal de bibliotecas especializadas


22 de decembro de 2021 , Biblioteca
biblioteca do arquivo da Deputación

A biblioteca do Arquivo da Deputación, dependente do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vén de ser incluída no mapa estatal de bibliotecas especializadas do Consello de Cooperación Bibliotecaria (CBB) do Estado. A través da nova ferramenta, que supón un recoñecemento ao labor experto do servizo, permítese o acceso á páxina web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e ao ATOPO.

Segundo explica o persoal da Biblioteca provincial, o Mapa que a Comisión Técnica de Cooperación de Bibliotecas Especializadas ven de incorporar ao xa existente Portal de Bibliotecas Especializadas, permite dende agora localizar unha biblioteca especializada española de maneira moito máis sinxela. Avánzase así no Plan de Visibilidade das Bibliotecas Especializadas e no compromiso das bibliotecas coa Axenda 2030 para non deixar a ninguén atrás, ofrecendo todo tipo de información sobre as bibliotecas e incorporando agora unha ferramenta que posibilita a sinxela localización das mesmas empregando un mapa interactivo.

A nova ferramenta permite localizar as bibliotecas navegando polo mapa ou utilizando os parámetros de procura, sós ou combinados: nome da biblioteca, tipoloxía, titularidade, comunidade autónoma e provincia. De cada biblioteca elaborouse unha ficha informativa que permite, á súa vez, un mellor posicionamento web da biblioteca nos buscadores de internet.

A biblioteca da Deputación, en tanto en canto biblioteca especializada de acceso público, figura no mapa coa súa correspondente información de carácter xeral, xeoposicionamento e acceso tanto á páxina web como ao catálogo AtoPO. Con máis de 21.000 monografías e 800 títulos de revistas, a biblioteca (integrada no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico) centra as súas actuacións en dous ámbitos específicos: reunir, conservar e difundir unha colección bibliográfica o máis ampla e representativa posible sobre a provincia de Pontevedra e todos os seus concellos, así como servir de complemento bibliográfico á inxente cantidade de documentación conservada no Arquivo da Deputación de Pontevedra.