ATOPO
Rexistros actuais: 1.095.226
Obxectos dixitais dispoñibles: 413.195

A Deputación abre unha nova liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia


29 de setembro de 2021 Memoria histórica
Retirada de simboloxía franquista

A Deputación de Pontevedra vén de abrir unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. Trátase de achegas que forman parte das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO)

As colaboracións económicas da Deputación para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista

A deputada de Memoria Histórica María Ortega lembra que a retirada da simboloxía franquista é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar adiante as retiradas, "a Deputación de Pontevedra pensa que incorporar esta liña nas subvencións é bo para que os concellos da provincia poidan entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria vixente". 

As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil (50.000,00) euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas. A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Rehabilitación e sinalización do patrimonio

Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de subvencións dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación do patrimonio e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do noso territorio mediante a súa recuperación e mellora.

A través da convocatoria deste ano a Deputación de Pontevedra promoverá dúas liñas diferenciadas: unha liña A, a nova sección anunciada para eliminación da simboloxía franquista; e unha liña B, a tradicional de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. Ambas poderanse solicitar de forma paralela e non excluínte.

O obxecto das subvencións da liña B, que neste ano ascenderán a 300.000 euros, será como é habitual, a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Audios

  • Audio