A Deputación bota a andar a colección Medal: poesía de alta calidade feita exclusivamente por mulleres
A Deputación de Pontevedra presentou hoxe ‘Violetas no asfalto', unha antoloxía poética de Lucía Novas que é o primeiro libro dunha nova serie do departamento Editorial provincial para dar a coñecer a poesía feita exclusivamente por mulleres, a Colección Medal. O acto, celebrado no Edificio Castelao do Museo, contou coa presenza da deputada responsable do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega; o coordinador da iniciativa, Antón Sobral; e a propia autora, que declamou algunhas das súas pezas.
A decisión de crear a Colección Medal e de editar a mulleres, segundo argumentou a deputada María Ortega, tomouse para compensar a grande presenza de homes en coleccións doutras épocas da institución provincial. Así mesmo, explicou que a serie tomou o nome de Medal, igual que a illa de Pontesampaio, porque no seu momento o illote foi un lugar de recitais e conversas literarias principalmente de homes e "con esta liña exclusivamente feminina, tamén se recolle nese nome a cultura e o potencial creativo das mulleres da provincia".
Tamén subliñou, así mesmo, que a institución sempre estará de lado de xéneros como a poesía –ou o ensaio- que nalgúns casos non teñen moita saída comercial, e destacou que todas as obras serán distribuídas entre centros de ensino e puntos de lectura e bibliotecas municipais co obxectivo de "abrir camiño e facer chegar esta forma literaria ao máximo público posible, a toda e todo aquel que queira ler en galego".
Pola súa banda, o coordinador da Colección Medal, posuidor dunha importante colección de poesía e responsable dun dos máis relevantes festivais de poesía local (PontePoética), Antón Castro, indicou que a serie Medal estará formada por poetas de alta calidade "xa que na Galiza hai un nivel moi alto, sobre todo na provincia de Pontevedra".
A selección de Lucía Novas como autora do primeiro exemplar, segundo explicou, debeuse a que hai unha "realidade incuestionable" que é que Pontevedra e O Morrazo "é unha terra que está a dar moi boas poetas de calidade contrastada", de feito subliñou que Pontevedra debe ser considerada "a cidade da poesía". Afirmou que a intención foi "xogar con xente de bo nivel, que xa gañou premios, e que ten poesía moi interesante, que vai dende o clásico ao principio ata unha poesía, a última, moi contemporánea, xogando coa tradición e a modernidade".
Tamén asegurou que "a poesía é imprescindible para facer mellor o mundo", e salientou que Medal pretende ser unha "concienzuda defensa da igualdade". Insistiu en que xorde como compensación ás coleccións Cíes ou Tambo, esta última unha serie iniciada en abril de 2000 que rematou tres anos despois con só tres libros escritos por mulleres dos 32 editados.
Lucía Novas, abondou Sobral, "é moi asequible" para persoas que se introduzan na poesía, xa que os seus primeiros poemas "amosan o espertar da sensualidade, son moi bonitos, nada difíciles de entrar". "Ela é das poetas máis importantes en Galiza na actualidade e iso que hai moita competencia", subliñou.
Pola súa banda, a autora fixo un agradecemento á Deputación por apostar pola poesía a pesares de ser un xénero minoritario e en concreto por apostar pola poesía feita por mulleres "para traballar pola igualdade" e amosouse moi honrada por ser a primeira da Colección Medal.
‘Violetas no asfalto' toma o título tomado dun verso dunha peza súa , explicou Novas, e é unha antoloxía na que reúne unha selección de poemas dos seus tres libros editados: ‘Epiderme de estío', ‘Neve' e o máis recente ‘Cervatos', aínda que tamén inclúe textos dun libro inédito, ‘Orxo e incendio' que nunca viu a luz como obra conxunta, pero si cuxos poemas foron aparecendo esparexidos en revistas e publicacións colectivas. A antoloxía conta tamén cun apartado titulado "Enxertos", onde seleccionou poemas soltos escritos entre ‘ Neve' e a creación de ‘Cervatos', cunha estética "onde eu creo que xa se percibe o xérmolo deste último libro, ou quizais, incluso, algún libro futuro".
A autora, que se define modestamente como "unha máis no sistema literario galego", asegura que ao crear fai poesía "que ten relación coa experiencia e coas relacións e a busca da beleza, pero non só nos ámbitos considerados normalmente, senón a busca da beleza en todas as facetas da realidade".
O acto de presentación da Colección Medal e do seu primeiro libro ‘Violetas no asfalto' rematou coa declamación de varios poemas por parte da autora.