ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

A Deputación celebrará unha ‘Foliada da memoria' para homenaxear a musica tradicional e as e os artistas represaliados polo franquismo

Lembrarase a figura de gaiteiros asasinados e mulleres vexadas e porase en valor o traballo das novas xeracións para recuperar o seu legado

03 de xuño de 2022 Memoria histórica
Presentación da Foliada da Memoria

A Deputación de Pontevedra, a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, vai facer unha homenaxe á música represaliada e  a artistas de todo o país que padeceron a represión franquista. E vaino facer "con alegría, devolvendo a música furtada" cunha ‘Foliada de Memoria', unha festa interxeneracional, o vindeiro sábado 2 de xullo no Souto de Chousa da Porta en Moneixas (Lalín), unha carballeira na que haberá actividades todo o día para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á que tomou o relevo para que a música non deixase de soar.

A iniciativa foi explicada hoxe pola deputada de Memoria María Ortega e a presidenta Carmela Silva, que destacaron que o que se pretende é poñer o foco sobre as vítimas relacionadas coa música tradicional. Haberá homenaxes a gaiteiros asasinados como Constante Moreda, o gaiteiro de Cabral; Manuel del Río Mandayo ou José Gómez Avelaira; e a mulleres humilladas como as irmás cambadesas Pastora e Cándida Cordal obrigadas a tocar a pandeireta e a bailar espidas no verán do 36, para castigar o compromiso do seu irmán Castor, sindicalista asasinado;  á muller de Manuel del Río, Pilar Navieira Golán; á súa irmá Maruja del Río Mandayo e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas.

A decisión de centralizar a festa en Lalín, explicou Ortega, é na honra dos Dezas de Moneixas, aquela agrupación que acompañaba nos mitins do Partido Galeguista a outro dos mártires galegos que queremos homenaxear, Xesús Froiz. "Hoxe segue habendo Dezas de Moneixas, e iso foi outra das razóns fundamentais que nos levaron a escoller Lalín", apuntou. Tamén sinalou que "para nós é moi importante que sexa unha festa familiar, interxeracional, como a propia transmisión da memoria. E por iso, teremos actividades durante todo o día".

"É unha idea fantástica, enormemente intelixente, un programa extraordinario" asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva sobre a "Foliada da Memoria", "onde imos recoñecer a xente que tanto tivo que sufrir". Trátase dunha iniciativa, dixo, "que vai chegar ao conxunto da sociedade e sumar reivindicacións a través dunha foliada nun espazo natural, facendo recoñecementos a mulleres e homes brutalmente atacados pola ditadura e poñendo en valor a todas as agrupacións herdeiras de persoas que foron borradas". E, ademais, "implicando á xente moza, para que siga alzando a bandeira e que non se esqueza o que aconteceu, para que sexan activistas a favor da democracia e dos valores da igualdade, da xustiza e da liberdade, que foi co que rachou o golpe de Estado de Franco".

Carmela Silva fixo fincapé tamén na necesidade de "poñer no centro da acción política a recuperación da nosa memoria, que é o mesmo que recuperar a tantas persoas que tanto aportaron á nosa cultura, lingua, educación, e  á construción dun mundo mellor onde se traballaba para que as persoas tiveran dereitos, para transformar un país que realmente precisaba ser transformado, e que todo foi desbotado coa ditadura".  "O primeiro que intentou facer a ditadura foi acabar coa cultura e a educación e seguimos facendo foliadas, bailando os nosos bailes e todo aquilo que nos identifica", concluíu.

O programa da foliada

A foliada durará todo o día do sábado 2 de xullo. "E porque non temos a semaniña enteira, que iso si que é foliada!", bromeou a deputada nacionalista. O programa comezará ás doce da mañá: o punto de encontro será o Campo da Festa de Moneixas e desde alí sairá unha alborada que percorrerá a parroquia en dirección ao souto onde será a foliada. Participarán nela catro agrupacións da comarca: Os propios Dezas de Moneixas, Arco de Merza, Varacuncas e Pandereteiras de Botos.

Despois (12.30h) farase a primeira das homenaxes, conducida por Xurxo Souto, con presencia de familiares dalgúns dos gaiteiros asasinados e tamén de persoas que investigaron a súa historia como Manu Igrexas, Xerardo Fernández Santomé ou Alberte Pérez.  A continuación, sobre a unha e media da tarde, comezará a sesión vermú coa agrupación de pandereteiras Bouba. "A idea é permanecer todo o día na foliada, polo que haberá polbeiro, venda de churrasco e empanada, rosquilleira, churros... Como nas festas de toda a vida!", dixo Ortega.

Haberá tamén unha mostra de creación de instrumentos e traxes tradicionais a cargo da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas; un espazo para crianzas con xogos populares mañá e tarde; obradoiros de canto e baile, conducidos por Enrique Viz e Marta Mouriño respectivamente. Tamén haberá unha sesión de monicreques a cargo da compañía Viravolta Títeres que, como non podía ser doutro xeito nunha foliada da memoria, porá en escena unha obra de Lorca:  ‘A nena que regaba a alfabaca e o príncipe preguntón', adaptada pola propia compañía.

E xa rematando á tarde, sobre as sete, farase unha segunda homenaxe a aquelas persoas que recuperaron a tradición e posibilitaron que a semente dos Dezas de Moneixas seguise agromando ata o día de hoxe. Haberá familiares das persoas que integraron a formación orixinal: Dario, Ismael, María e José Benito González López, así como os seus curmáns Manoliño Laureano, Celso e tamén Isaura. E tamén integrantes da que, xa nos anos 40 tomou o relevo: Manolo Troitiño e tamén Alfonso e Mario González Iglesias, fillos de Manoliño. Xunto a eles estaban Julio García e Manuel Lage, cuxas familias estarán presentes. Renderáselle especial homenaxe a agrupación actual, e as crianzas da escola, "que amosarán que a música -e a sociedade- que o fascismo quixo silenciar, aínda permanece", apuntou Ortega.

Por último, logo da homenaxe interxeracional, o especial fin de festa chegará da man de Bandaló! "que nos fará recordar como eran aquelas verbenas tradicionais dos anos 30". Todo o programa poderá consultarse a través da páxina web da Deputación dende hoxe. N acto repartirase unha publicación explicativa que recollerá unhas breves liñas sobre as vítimas homenaxeadas.

Haberá autobuses para o traslado de persoas e grupos desde distintos puntos da provincia. A xente interesada debe anotarse no mail do departamento (memoriahistorica@depo.gal) e os percorridos marcaranse tendo en conta cales son os sitios dos que nos chegan máis solicitudes.