ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.499
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.497

A Deputación de Pontevedra e os concellos de Moaña e Bueu homenaxean a figura do exalcalde Xosé Manuel Millán Otero no aniversario do seu falecemento

O sábado 29 de outubro haberá un acto institucional en Moaña, onde se presentará o libro da súa ‘Obra Poética Completa', se fará unha plantación dun carballo e actuará Xosé Manuel Budiño

21 de outubro de 2022 Editorial , Memoria histórica
Homenaxe a Millán Otero

A Deputación de Pontevedra e os Concellos de Moaña e Bueu van homenaxear ao ex alcalde Xosé Manuel Millán Otero pola súa traxectoria vital, política e literaria no segundo aniversario do seu falecemento, que se cumpre na última fin de semana deste mes de outubro.

As tres administracións locais están a organizar de maneira coordinada homenaxes institucionais con diversas actividades nas dúas vilas do Morrazo nas que Millán desenvolveu a meirande parte da súa biografía: Bueu, onde naceu e pasou os seus primeiros anos de vida, e Moaña, onde pasou a meirande parte da súa traxectoria profesional no ensino como profesor de Lingua e Literatura Galega e onde liderou o Goberno local entre 2003 e 2011, ademais de ser o espazo no que creou boa parte da súa produción poética.

Os actos de homenaxe iniciaranse o 29 de outubro (o día do segundo cabodano) en Moaña. Diante da praza do Concello –ou no salón de plenos no caso de chuvia- terá lugar o primeiro evento institucional que comezará ás 11.30 da mañá. Nel presentarase o libro da ‘Obra Poética Completa' de Millán, unha publicación editada polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra que reúne a totalidade das creacións do ex alcalde, incluso algunhas poesías inéditas, con limiar a cargo de Manuel Rei Romeu.

Estarán presentes a deputada responsable da editorial provincial María Ortega, a alcaldesa de Moaña Leticia Santos e tamén o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega Cesáreo Sánchez, así como tamén o responsable da publicación Manuel Rei. A parte musical da xornada irá a cargo de Xosé Manuel Budiño, mais tamén haberá lugar para a proxección dunha videocreación de Diego Seixo e unha lectura poética a cargo de autoras que, dun ou doutro xeito, estiveron vencelladas á traxectoria de Millán: Dani Costas, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Lucía Durán e Lucía Novas. O acto pechará coa plantación dun carballo na praza do Concello co epitafio ‘in memoriam' ‘Quero na lousa que me dea sosego esta palabra que ten ás: Poeta, e esta palabra que ten luz: Galego', de Ramón Cabanillas.

Ao día seguinte será a quenda da homenaxe institucional no Concello de Bueu ás seis e media da tarde na Casa do Pobo de Beluso, parroquia onde naceu Millán. Alí presentarase de novo a ‘Obra Poética Completa' a cargo de Manuel Rei, e participarán a deputada María Ortega e o alcalde Félix Juncal. A nota musical poraa a agrupación Xardín Desordenado, que musicará varios dos poemas de Millán Otero.