ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

A Deputación enche con actividades de memoria histórica as xornadas sobre mulleres e franquismo da Irmandade do Dolmen en Moaña

Todos os mércores dende o 13 de outubro e ata o 3 de novembro haberá charlas ou teatro nos centros socioculturais de Tirán, Castelao, de Domaio e de Verducedo

05 de outubro de 2021 Memoria histórica
actividades de memoria histórica

A Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir', vai encher de actividades e contido as xornadas ‘A represión das mulleres no Franquismo' organizadas pola Asociación Cultural Irmandade do Dolmen en Moaña. O departamento dirixido pola nacionalista María Ortega financiará a celebración de tres charlas e unha peza teatral abertas ao público que se desenvolverán cada  mércores dende o 13 de outubro ata o 3 de novembro nos centros socioculturais de Tirán, o centro Daniel Castelao, e os de Domaio e Verducedo.

A deputada María Ortega explica que as actividades que a Deputación leva a Moaña están dispoñibles no catálogo de actos e iniciativas ofertado ás asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica no centro do debate. Apunta que 'O Pasado Por Vir' é un programa plurianual que pretende reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de Estado do 1936 e recoñecer "a herdanza dunha xeración única e irrepetíbel e transmitir a idea que aínda que coa represión e a ditadura se arrasaron os proxectos de modernidade e mesmo se aniquilaron as persoas, as súas ideas e legado seguen vivos".

No catálogo da Deputación inclúense proxeccións do documental ‘Acorda' e a exposición fotográfica sobre "como se fixo" a peza audiovisual nos lugares de memoria da provincia, teatro, obradoiros, e charlas e coloquios. A Irmandade do Dolmen, no caso de Moaña, solicitou tres charlas vencelladas á represión e ás mulleres, así tomo tamén a peza teatral ‘A señora de Forcadela' representada por Os Quinquilláns.

A primeira xornada de memoria histórica será o mércores 13 de outubro ás 19,30 horas no centro sociocultural Castrovello de Tirán, onde a a docente Lola Varela falará de ‘Mulleres e represión franquista na Terra de Montes', facendo ver as diferentes facianas do sufrimento soportado por elas a causa da súa ideoloxía disidente ou dos membros das súas familias, ao seren levadas ao cárcere, ao exilio, a ser torturadas, extorsionadas  economicamente e, nalgún caso, a ser tratado o seu corpo como botín de guerra.

O mércores 20 de outubro ás 19,30h no auditorio do centro social Daniel Castelao interpretarase a peza teatral ‘A señora de Forcadela', unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret e doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36.

O mércores 27 de outubro, á mesma hora, e no centro Rosalía de Castro de Domaio, falará a escritora Montse Fajardo coa charla ‘A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión', que versará sobre como nos albores do século XX houbo un tempo novo para as mulleres que foi truncado polo golpe e obrigou ás pioneiras a batallar de novo contra unha ditadura que as devolvía ao ámbito do privado. A charla fai un repaso por cen anos de historia das galegas desde o agrarismo de finais do século XIX ata a loita en prol da democracia na que estiveron inmersas moitas mulleres ata ben entrados os anos oitenta do século XX.

Finalmente, o mércores 3 de novembro ás 19,30h., no centro sociocultural de Verducedo estará a historiadora María Victoria Martíns, que disertará sobre ‘A muller de Moaña na ditadura franquista'.