ATOPO
Rexistros actuais: 1.095.226
Obxectos dixitais dispoñibles: 413.195

A Deputación encherá este venres o Teatro Principal de Pontevedra coa preestrea do documental ‘Acorda' sobre memoria histórica

Ás 20 h abrirase o photocall e ás 20:30 iniciarase a proxección, á que seguirá un coloquio coa equipa artística e colectivos memorialistas

Tatán e Lois Pérez

A Deputación encherá este venres o Teatro Provincial de Pontevedra coa preestrea do documental Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra, unha peza audiovisual que pretende poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música. O evento está a suscitar un grande interese: nestes momentos xa non quedan localidades e hai lista de agarda para asistir e o teaser da peza audiovisual acumula nas redes sociais máis de 31.000 visualizacións.

Os actos relacionados coa preestrea do documental comezarán o venres pola mañá coa apertura ao público (ata final de mes en horario de mañá) da exposición de fotografías de Alba Días sobre o ‘como se fixo' no vestíbulo do Arquivo provincial. Ás 20 h do venres pola tarde será a apertura de portas do Teatro Principal e do photocall, para dar lugar ás 20.30h á proxección e a un pequeno coloquio aberto ao público con integrantes da parte artística e de colectivos memorialistas da provincia.

A peza documental xurdiu trala idea orixinal do Departamento de Memoria provincial dirixido por María Ortega, quen outorgou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas Terceiro na realización, a Lois Pérez no guión e a Montse Fajardo como asesora de contidos. Inicialmente o formulamento era vencellar cancións de resistencia ante o franquismo e lugares emblemáticos para a memoria na provincia, pero finalmente engadíuselle un guión de contexto que deu lugar ao documental.

No proxecto participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros, que en boa parte estarán este venres no Teatro Principal de Pontevedra xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés.