ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.601
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.666

A Deputación estrea a web arquivos.depo.gal

A deputada María Ortega presentou hoxe o novo portal, que complementa o AtoPO e consta de seis apartados, incluído un específico para a área de Memoria Histórica provincial

Presentación da nova web

Buscar unha publicación da editorial provincial, acceder ás novedades da  biblioteca do Arquivo, pesquisar na colección histórica do Boletín da Provincia, consultar recursos cartográficos ou coñecer calquera traballo do Servizo  de Patrimonio Documental e Bibliográfico, así como da área de Memoria Histórica da Deputación, é dende hoxe máis fácil.

A deputada responsable da área María Ortega presentou esta mañá a nova web arquivos.depo.gal, que combina unha inxente cantidade de documentación e servizos a disposición da cidadanía cunha nova imaxe máis intuitiva, atractiva e accesible.

A renovación da actual páxina (arquivos.depo.gal) era moi necesaria xa que a súa vella estrutura non permitía poñer en valor o inxente traballo realizado no departamento e servirá de completemento ao buscador AtoPO, estreado a finais de 2019, e foi froito de varios meses de traballo e sae á luz grazas ao departamento de Patrimonio e o de Novas Tecnoloxías da Deputación, segundo dixo a deputada Ortega, "nun momento, dende a pandemia, no que se teñen multiplicado as visitas, polo que entendemos que os contidos e as novidades van ter moi boa acollida, sobre todo grazas á súa nova nova apariencia e estrutura máis acaída cos tempos actuais".

O portal terá seis seccións que explicarán o traballo das áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca e Editorial, incorporándose como novidade un apartado destinado á Memoria Histórica, un dos eixos de goberno que se queren potenciar neste mandato.

A xefa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico Ana Vicente, pola súa banda, subliñou que aos contidos "de sumo interese" que xa facilitaba a web súmase agora unha renovación que os presenta de maneira sinxela, atractiva e dinámica. "Pretendemos que sexa unha invitación á cidadanía a acceder para aumentar a súa bagaxe intelectual" cos recursos dos que dispón o departamento, destacou.

En canto ao nivel técnico, a nova web esta desenvolvida seguindo os últimos estandares de HTML5 e CSS. Entre as moitas modificacións técnicas introducidas resaltan a simplificación da navegación para facela máis cómoda para as persoas usuarias, facilitando a consulta de contidos en menos clics e o redeseño, acorde ás últimas tendencias e estándares de deseño.

O novo portal, ademais, é completamente "responsive" e pódese consultar desde calquera dispositivo, tanto desde computadores, tablets e móbiles grazas ao seu deseño adaptado. Ademas a web está desenvolvida seguindo todos os estándares e principios de accesibilidade.

A deputada quixo adradecer especificamente o traballo realizado a todo o departamento de Novas Tecnoloxías polo desenvolvemento informático, e tamén, como principais impulsores dos contidos das seccións na web ás e aos responsables do Arquivo central, José Luis Castro, e do apartado de Arquivos municipais, Lourdes Pérez-Santamarina, ambos do departamento de Documental; Ernesto Trabazo como responsable da Biblioteca, José Cumbraos do departamento de Audiovisuais-gráfico-sonoro, e Beatriz de la Cruz, responsable da Cartoteca, do departamento Bibliográfico; aos que se une o persoal que traballa no ámbito da Editorial, baixo a supervisión da Xefa de Servizo Ana Vicente.

Seis apartados

En Memoria Histórica poden consultarse o catálogo de actividades a disposición dos colectivos memorialistas da provincia, audiovisuais, galerías fotográficas e documentacións relativas a exposicións, ás Xornadas ‘Na Loita contra a impunidade', e de traballo cos colectivos memorialistas.

Tamén hai un apartado de recursos, nos que calquera persoa poderá atopar directorios das asociacións de memoria da provincia, webs e ligazóns de interese, lexislación e normativa aplicable, bases de datos como ‘A xeración perdida', de concelleiros das corporacións republicanas que se viron afectadas polo alzamento fascista; investigacións como as realizadas en Rexas ou GalizAmérica; un apartado para premios do departamento, e tamén outro de publicacións, que se estrea coa posta a disposición online dos artigos do libro o Pasado Por Vir. Ademais, e de cara ao futuro, preténdese ampliar con traballos de investigación propios da Deputación.

Na área de Arquivo encóntranse dúas seccións: ‘Os nosos fondos', onde se poden atopar documentos da Deputación, así como arquivos de entidades, familias ou outros organismos significativos, e tamén o ‘Patrimonio documental da provincia', no que se recolle o traballo do servizo de asistencia técnica e o plan de organización de arquivos das entidades locais. Ofértase un punto de consulta, tamén un apartado de recursos e outro con ligazóns de interese.

No apartado da Cartoteca, os servizos máis relevantes que ofrece a web están divididos en seis seccións: as coleccións, mapas e imaxes, onde se poden consultar todas as coleccións no catálogo ATOPO; a cartoteca cixital IDEPo, xeoportal onde a través do visor, pódense visualizar e descargar as diferentes coleccións; a Casa do mapa, como centro provincial de documentación cartográfica, información xeográfica e distribución dos servizos xeográficos do CNIG, onde se pode adquirir todo o material cartográfico que editan as diferentes administracións da AXE (Administración Xeral do Estado); o apartado multimedia, onde se atopan dúas galerías de imaxes, unha de cartografía antiga e outra da provincia en mapas, ademais dun vídeo de presentación da Cartoteca, diferentes exposicións, recursos didácticos, e un área de descargas de mapas de diferente temática; recursos cartográficos na rede cunha recompilación de enlaces ó material cartográfico en liña, institucións e entidades produtoras, así coma, visores de cartografía e outros enlaces de interese; e, finalmente, un apartado do marco normativo relacionado co material cartográfico.

Na sección Editorial poderase acceder a toda a relación de edicións realizadas desde o inicio dende o servizo de Publicacións, a través dun buscador que facilitará a localización de calquera título ou autoría que compoñen o corpus editorial propio. Ademais ofrécese información sobre as liñas de subvencións abertas para diferentes formatos, como edición en papel, audiovisuais ou edicións especiais en braille, audiolibro, etc.

Na parte relativa á Biblioteca, as principais achegas á web permiten o acceso directo ao catálogo actualizado en tempo real dos fondos e as súas características; información de carácter xeral acerca da biblioteca (historia, fondos e coleccións, servizos ...); ás novidades bibliográficas incorporadas á colección da biblioteca; acceso directo á busca da colección histórica do Boletín Oficial da Provincia; un enlace ao Atopo para poder realizar buscas de exemplares en modo "avanzado" (autor, título, editorial, materia, ISBN ...); posibilidade de alta online para recibir periódicamente o boletín da biblioteca; enlaces directos a recursos bibliográficos doutras entidades (catálogos de rexistros e repositorios dixitais); e acceso a todas as novas publicadas a través da etiqueta "biblioteca" no buscador do apartado "actualidade".

Finalmente, a área de Audiovisuais está dividida en tres bloques temáticos para acceder a ‘Fondos gráficos', ‘Imaxe en movemento', e ‘Fondos sonoros musicais'. Tamén hai outras dúas subseccións sobre ‘A provincia en imaxes', unha colección propia da Editorial da Deputación que presenta aspectos da vida cotiá nos concellos, os seus monumentos, riquezas naturais e usos e costumes a través de imaxes fotográficas, e outra de ‘Edicións musicais', con recompilacións musicais editadas pola sección de Fondos Audiovisuais da Deputación en formato CD.