ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.036
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

A Deputación fai público o fondo gráfico de Natalio Abad, vigués fundador dos ‘Fillos do sol' e pioneiro do montañismo na Galiza

O deportista defendía valores de liberdade, igualdade e harmonía coa natureza que foron truncados pola Guerra Civil

21 de xuño de 2022 Fondos gráficos
Fondo Natalio

A Deputación de Pontevedra vén de dixitalizar e poñer a disposición pública o ‘Fondo Natalio Abad' un conxunto gráfico con 197 fotografías sobre a vida de Natalio Abad, coñecido vigués fundador de ‘Os fillos do Sol' e pioneiro do montañismo en Galiza. A publicación deste fondo xurde polo interese do servizo provincial de Patrimonio Documental e Bibliográfico  de dar a coñecer e divulgar a traxectoria dun home que xunto ao seu grupo de amigos defendía no Vigo dos anos 1930 valores de liberdade e igualdade que despois foron truncados pola Guerra Civil.

A cesión das imaxes para a súa dixitalización pola Deputación e inclusión do portal AtoPO foi realizada pola filla de Natalio Abad, Olga Abad, quen asinou o acordo coa deputada nacionalista María Ortega. A responsable provincial salientou que a figura do vigués encaixa exactamente na filosofía do programa provincial ‘O Pasado Por Vir', unha iniciativa que pretende reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do Golpe de Estado do 1936 e recoñecer a herdanza dunha xeración "única e irrepetíbel" en todos os eidos, a nivel empresarial, político, cultural e social.

Segundo explica Ortega, Natalio Abad e o seu conxunto de amizades e familias defendían valores éticos e sociais adiantados ao seu tempo, un periodo entre ditaduras no que aínda había certos perxuízos con respecto á xente que vía o mundo con outros ollos: "‘Os fillos do sol' entendían o mundo cunha visión igualitaria entre homes e mulleres, sen represión nin machismo e cos mesmos dereitos para uns e outros a pesares de críticas alleas", apuntou a deputada.

Tamén defendían unha vida en harmonía e convivencia coa natureza fóra dos convencionalismos da época. O propio Natalio Abad e os seus amigos acudían ao seu traballo na conserveira en piraugas, bañábanse espidos na neve, esquiaban espidos, e incluso tamén facían camiñadas deste xeito polo monte. Foron os autores da palafita que se construíu no 1933 na desembocadura do río Lagares (Samil) e que permaneceu alí durante tres anos.

O fondo gráfico que se fai público supera os límites estritamente persoais e constitúe proba de incuestionábel valor para coñecer uns tempos cambiantes e uns xeitos de vivir pegados á natureza e a un goce vital que a guerra truncou.  Serve tamén para coñecer os primeiros pasos do montañismo no país. Catalogáronse e dixitalizáronse 192 fotografías cedidas pola familia, recompiladas nun álbum algunhas e outras soltas, xunto a outra documentación relacionada coa traxectoria vital de Natalio Abad (recortes de prensa, carnés de pertenza a colectivos ou asociacións, documentos administrativos…).

Bloques temáticos

As fotografías poden dividirse en varios bloques temáticos. O primeiro está formado por imaxes da mocidade de Natalio Abad e o seu grupo de amizades (os irmáns Pepe e Antonio Villaverde, Higinio González, Víctor Mon de los Reyes...) nas praias viguesas. Son testemuñas dunha época de liberdade e alegría na que destaca a construción dunha palafita na parte final do río Lagares, en terreos da parroquia de San Paio de Navia. En varias das fotos, precisamente, aparecen carpinteiros e obreiros da parroquia que traballaron na súa construción. Aparecen recollidas as travesías en piraguas de madeira construídas artesanalmente, os xogos, paseos e baños nas praias de Coruxo ou Samil e o gusto pola vida natural e ó aire libre, reflectido incluso nas indumentarias e en performances a modo de divertimento.

O segundo bloque é un amplo conxunto de fotografías corresponde coas actividades de Natalio Abad vencelladas ó Centro Excursionista Galego e posteriormente ó Club Montañeiros Celtas e que abrangue un espazo de máis de catro décadas.  Aparecen reflexadas dende o monte Aloia,  o Galleiro, a serra de Avión ou outras máis próximos a Vigo, a imaxes de rutas polos Ancares, Manzaneda ou Pena Trevinca, onde practicaron o esquí, de xeito rudimentario en canto a materiais e vestimentas.

Finalmente, hai un conxunto de fotografías estritamente familiares da vida de Natalio, a súa muller, Josefina Valverde e a súa filla Olga, que participaron activamente da vida social viguesa nas décadas centrais do século XX e que permiten rescatar costumes e tradicións locais. Como complemento ao album e formando parte do fondo fotográfico da familia Abad, incorporáronse tamén un grupo de fotografías da familia orixinaria de Natalio así como dos seus irmáns, recoñecidos deportistas tamén.

A propia filla de Natalio, Olga Abad subliñou trala sinatura que "meu pai foi un deportista que non tiña perxuízos ningúns. Ía cos amigos. Era montañeiro, esquiador, remaba moi ben na piragua e tamén despuntaba no ciclismo. Isto é historia. Nunca pensei que trouxera estas imaxes, pero é bonito que a xente o vexa", salientou.