ATOPO
Rexistros actuais: 1.187.557
Obxectos dixitais dispoñibles: 427.119

A Deputación homenaxea a Mariví Villaverde, un símbolo de compromiso e loita memorialista no país

A nacionalista María Ortega presentou hoxe a reedición do libro ‘Tres tempos e a esperanza' e a curta documental ‘Mariví, na pel da memoria' co gallo do seu centenario

02 de decembro de 2022 Memoria histórica
Mariví

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, conmemorou hoxe o centenario de Mariví Villaverde, unha muller comprometida, símbolo para a loita memorialista no país, lembrando a súa vida, a súa obra, e moi nomeadamente a súa forza polo non esquecemento. E fíxoo coa reedición do seu libro ‘Tres tempos e a esperanza', unha publicación xa descatalogada e moi difícil de conseguir, e a estrea da curta documental 'Mariví, na pel da memoria', das directoras Coral e Laura Piñeiro.

No acto participaron a deputada de Memoria Histórica María Ortega, as responsables e tamén o guionista do audiovisual Bruno Arias, así como unha das principais biógrafas de Mariví, Marga Do Val. Entre o público estiveron tamén representantes da súa familia, como o seu fillo José Ramón, así como outras persoas que participaron na posta en marcha da homenaxe como ‘comité asesor': Carme Vidal, Xoán Carlos Garrido e Luís Bará.

A deputada nacionalista destacou que Mariví Villaverde é un "exemplo perfecto" do tempo do exilio, xa que tivo que marchar por ser filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía Elpidio Villaverde;  da resistencia, na que traballou xunto á súa parella Ramón de Valenzuela; e da loita polos ideais e a memoria.

"Mariví foi quen de converter a rabia en discurso. En toda Galiza, pero en Pontevedra especialmente, tivemos a impagable sorte de poder escoitar da súa voz o que significaron o golpe e o exilio. E pouca xente defendeu como ela a importancia de loitar contra o esquecemento. (...) Co seu exemplo, seguiremos avanzando en verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e as súas familias. Porque só así poderemos gabarnos de democracia", destacou Ortega.

Mariví Villaverde formou parte do Consello Asesor da Memoria, participou nos actos do Ano da Memoria, foi premio Galiza Mártir e "sobre todo, -dixo a deputada- foi a autora dun dos libros que, desde o meu punto de vista, mellor reflicte a quebra social que supuxo o golpe", ‘Tres tempos e a esperanza'. Esta publicación escrita en primeira persoa por Mariví, explicou Ortega, era practicamente imposible de atopar, por iso a Deputación decidiu reeditala "e facelo cunha tirada ben ampla para que non haxa centro escolar ou biblioteca na provincia que non conte con este testemuño excepcional".

Ademais do libro, e no intento de espertar o  interese pola súa biografía e o seu ‘Tres tempos e a esperanza' entre a xente moza, a Deputación encargou a Coral e Laura Piñeiro, "que nos achegasen a súa figura a través da linguaxe audiovisual, nun novo paso na súa andaina cara a historia do 36, que iniciaron co seu laureado Dores". Esta tarde estreouse tamén ‘Mariví, na pel da memoria', un diálogo entre as autoras e a propia Villaverde no que se rescatan testemuños en primeira persoa e se relata a obriga que tivo de fuxir deixando a súa vida atrás cando era adolescente por ter ideais fortes e comprometido, por ter nacido na súa familia e por ter a parella que tivo .

Unha muller comprometida coa república e coa verdade histórica

No seu relatorio a biógrafa de Mariví, Marga Do Val, destacou a importancia da reedición do libro ‘Tres tempos e a esperanza', no que se escriben en primeira persoa as vivencias "dunha muller que tivo a sorte de ser quen era, na familia que lle tocou vivir, comprometida coa república, co pasado e a verdade histórica".

Explicou Do Val que a publicación editouse por vez primeira en 1961 en Edicións Do Castro, a primeira con preocupación en toda España pola memoria. Xa en 2002, lembrou, fíxose a versión en galego, na que se cambiaron os nomes dos personaxes do libro e se engadiu un epílogo no que conta dende a súa visión os atentados de Atocha ou como viviu a morte de Franco entre bágoas polo sufrimento vivido.

Mariví, lembrou Do Val, ía a todos os lugares onde a chamaban para falar de memoria. Desenvolveu actividades estando en Madrid no Círculo Galego e no Club da Unesco, onde contactaba con outras persoas republicanas como as integrantes do grupo Brais Pinto. Xa máis na actualidade, ía a todos os institutos, a todas as xornadas para falar de memoria coa xente nova, "igual que agora quere facer o departamento de Memoria Histórica da Deputación", subliñou María Ortega, "por iso ela para nós é un referente".