ATOPO
Rexistros actuais: 1.095.226
Obxectos dixitais dispoñibles: 413.195

A Deputación presenta este venres o seu primeiro libro de banda deseñada para achegar a memoria histórica á xente moza

A obra foi coordinada por Kiko Da Silva e contén o traballo de 13 autores e autoras que crearon varias historias baseadas no acontecido na Illa de San Simón dende 1936 a 1943

11 de outubro de 2021 , Memoria histórica

A Deputación, a través do seu departamento de Memoria Histórica, presenta este venres o seu primeiro libro de banda deseñada para achegar á xente moza o relato dos feitos acontecidos durante os anos da ditadura e a represión e as súas consecuencias na provincia. A obra, titulada ‘Regreso á Illa de San Simón', foi coordinada polo debuxante Kiko Da Silva e contén o traballo de 13 autores e autoras formadas na escola do Garaxe Hermético que crearon varias historias situadas na illa da ría de Vigo dende 1936 a 1943.

O acto de presentación, no que estarán tanto o coordinador como as e os autores (Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, e Lorena Nikoli) será no Edificio Castelao do Museo ás 20.30 horas deste venres 15. Está aberto ao público ata completar aforo e é precisa inscrición previa no correo memoriahistoria@depo.gal.

‘Regreso á Illa de San Simón', segundo explica a deputada de Memoria Histórica, pretende aproveitar un formato atractivo como é a banda deseñada para chegar a un público que normalmente non ten moita relación coa memoria, e que non participa en actos como congresos, encontros ou charlas.

O libro será distribuído entre os institutos de educación secundaria da provincia e tamén nas bibliotecas e puntos de lectura municipais. Ademais, a xente interesada poderá solicitalo nas instalacións do departamento de Memoria Histórica da Deputación situado nas dependencias do Arquivo Provincial ata esgotar existencias, aínda que no caso de ter moita demanda, non se descarta facer novas impresións.