ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

A Deputación reúne mañá sábado a colectivos memorialistas e aos grupos do Parlamento na xornada de traballo Galiza ten Memoria: Políticas Públicas

Poranse en común as propostas dos partidos e presentarase o catálogo de actividades que o Departamento de Memoria Histórica provincial ofertará a concellos e asociacións neste 2021

11 de xuño de 2021 Memoria histórica
Cartel Memorialistas

A Deputación de Pontevedra organizará mañá sábado unha xornada de traballo baixo o título Galiza ten Memoria: Políticas Públicas na que participarán colectivos memorialistas da provincia de Pontevedra e representantes dos tres grupos do Parlamento galego. Nela abordarase a situación actual da Memoria Histórica en Galiza, as súas eivas e necesidades, así como as propostas de actuación por parte dos grupos parlamentares.

Presidido pola deputada de Memoria Histórica da Deputación, María Ortega, no acto intervirán Alberto Pazos Couñago por parte do Partido Popular, Luís Bará por parte do Bloque Nacionalista Galego, e Paloma Castro por parte do Partido Socialista de Galicia. Pola parte dos colectivos memorialistas asistirán representantes da Asociación Amigos De Johan Carballeira, Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía de Arousa, Asemblea Republicana de Vigo, Ceaqua, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás, Irmandade do Dolmen, Grupo de Traballo sobre Memoria Democrática do Partido Comunista de Galicia-Comarca de Vigo; Memoria Histórica de Marín; A. C. Vagalumes-Terra de Montes; Asociación Comisión Suárez Picallo, Fundación Tilve, Sempre con Vós-Pontevedra, Asociación Levada Libre de Tui, Memoria Histórica de Valga; Iniciativa Galega pola Memoria, e CRMH do Barbanza como convidada da provincia da Coruña.

Ademais da posta en común das propostas políticas de cada partido e do intercambio de ideas, a xornada –que se desenvolverá entre as 9:30 e as 14:30 horas no salón de plenos do Pazo provincial– servirá tamén para que a Deputación de Pontevedra presente o catálogo de actividades que o Departamento de Memoria Histórica pon a disposición dos concellos da provincia e dos colectivos memorialista para realizar ao longo deste ano. Incluirase a pre-estrea do documental Acorda e a posta en escena dunha peza teatral e dun obradoiro do catálogo.