ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.599
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.498

Accesible en atoPO a práctica totalidade da colección do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO)

Unha fonte abondosa información para o coñecemento da realidade administrativa da provincia dende 1834 ata a actualidade.

20 de abril de 2020 Atopo , Biblioteca

Rematado fai un tempo o proceso de dixitalización da inmensa maioría da colección do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ven de completarse o proxecto para a súa difusión pública mediante a incorporación do resultado no portal atopo.depo.gal, enmarcado no proceso de melloras do mesmo que se están a desenvolver na actualidade.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico levou a cabo unha no seu día un complexo proceso de recuperación de orixinais para este fin, que complementaran a ampla colección da que dispoñía a propia Deputación, tanto na Biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico coma no Museo de Pontevedra. A tal fin utilizáronse exemplares orixinais conservados en diversas institucións especialmente do Arquivo Municipal de Vigo, que dispón dunha moi completa colección en papel, no Arquivo municipal de Tui e na Biblioteca do Instituto Pai Sarmiento de Santiago, así como algúns exemplares xa microfilmados con anterioridade.

Como consecuencia diste traballo, os máis de 43.000 exemplares están xa dispoñibles na súa versión PDF a través do catálogo bibliográfico e documental "AtoPo" e permitirán aos usuarios o acceso a unha fonte de información de elevada consulta e abondosa información para o coñecemento da realidade administrativa dende 1834, data do primeiro exemplar ofrecido, ata a actualidade.

Son preto de 350.000 imaxes que recollen a practica totalidade dos números editados, xa que apenas faltan un par de centos de números, que se están a procurar para proceder a completar a colección na súa totalidade.

Esta colección ofrecida por esta vía abarca ata o ano 1999. A partir do 1 de xaneiro do ano 2000 todos os exemplares xa viñan podendo ser consultados no propio portal do BOPPO .