ATOPO
Rexistros actuais: 1.425.685
Obxectos dixitais dispoñibles: 502.593

Actuación de asistencia técnica no patrimonio documental da Illa de Arousa


21 de febreiro de 2025 , Arquivos municipais
arquivo a illa

O Concello da Illa de Arousa creouse no ano 1996, unha vella reivindicación veciñal que xa viña desde o ano 1836. Antes de ser un concello propio era una parroquia máis do concello de Vilanova de Arousa xunto con Vilanova, Tremoedo, Baión e Caleiro.

Continuando a labor de organización e descrición documental que se viña realizando en anos anteriores pola Deputación de Pontevedra e ocasionalmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no ano 2024, vense de rematar un novo proceso iniciado en outubro de 2024 e finalizado este mes de febreiro, no que se incorporaron 464 novas unidades de instalación ao fondo xa existente, facendo un total de 2.499 unidades de instalación e 12.735 agrupacións documentais que abarcan o período cronolóxico entre 1839 e 2024, coa finalidade de rematar o ciclo papel de produción documental.

Coa mesma activouse a posta en marcha do módulo de arquivo en Gestiona para o tratamento da documentación producida de xeito electrónico nos últimos anos.

O seu cadro de clasificación pode verse, ao igual que outros concellos da provincia de Pontevedra, xa actualizado na web ofrece unha información básica dos contidos do arquivo municipal. A Base de datos en Atom achega aos interesados ao detalle dos diferentes expedientes e agrupacións documentais, organizados a partires do cadro de clasificación funcional, usado tanto na documentación en papel como en soporte electrónico.

Da mesma forma, organizouse a documentación do Xulgado de paz destes últimos anos. De esta maneira, sumáronse 42 novas caixas as existentes facendo un total de 70 unidades de instalación e 1251 agrupacións documentais que abranguen o período cronolóxico desde 1950 a 2023, como se pode ver no seu cadro de clasificación.

Para máis información sobre o Arquivo municipal da Illa de Arousa ou do Arquivo do Xulgado de paz da Illa de Arousa, pode facerse unha pesquisa no portal Atopo.

Fotos