ATOPO
Rexistros actuais: 1.425.685
Obxectos dixitais dispoñibles: 502.593

Actuación de asistencia técnica no patrimonio documental de Bueu


27 de febreiro de 2025 , Arquivos municipais
Novo arquivo

O Concello de Bueu acaba de realizar un traslado da súa documentación a un novo arquivo situado no local compartido coa Biblioteca Gonzalo Torrente Ballester, na rúa dos Galos, número 2, baixo, no núcleo urbano de Bueu. Sen dúbida, unha localización moito máis axeitada e céntrica que a anterior, situada na parroquia de Cela, que intenta garantir a conservación do seu rico patrimonio bibliográfico e favorecer o seu acceso.

O local do arquivo disponse na planta baixa, a carón do salón de actos, e conta con dous depósitos: unha pequena sala con andel metálico e outra máis ampla con andel compactado, ademais dunha zona habilitada para traballo e consulta.

En paralelo, estase a traballar tamén na posta en funcionamento do módulo de arquivo en Gestiona, a plataforma de xestión de expedientes electrónicos; para este proceso cóntase coa colaboración entre responsables locais, o arquiveiro municipal e o arquivo da Deputación, co que se completará a transición entre o arquivo en papel e a nova documentación administrativa xerada en formato electrónico, que se achega aos 50.000 documentos ou expedientes.

Nestes intres, o cadro de clasificación funcional do arquivo municipal ten 5.633 unidades de instalación e 70.162 agrupacións documentais, cunhas datas que abranguen un amplo período cronolóxico, entre 1503 e 2024.

Na web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra pode consultarse o fondo, que contén a información pública daqueles expedientes posteriores a 1974 que non inclúen datos persoais.

Tamén poden verse os 22.030 rexistros do fondo municipal publicado en Atopo, dos cales máis da metade conteñen obxectos dixitais dispoñibles.

Fotos