ATOPO
Rexistros actuais: 1.114.776
Obxectos dixitais dispoñibles: 419.152

Ano europeo do ferrocarril


14 de decembro de 2021 , Fondos documentais
Estación do ferrocarril de Vilagarcía de Arousa. José Luis Leal Soto (entre 1953 e 1960). Fondos gráficos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

Co gallo do ano europeo do ferrocarril, o Arquivo da Deputación de Pontevedra quere dar a coñecer que entre os seus amplos e variados fondos documentais tamén salvagarda documentación relacionada con este importante medio de transporte, moi de actualidade, tras a chegada do AVE a Galicia.

Recordemos que o primeiro ferrocarril galego inaugurouse en 1873 e unía as localidades de Cornes (Santiago de Compostela) co porto de Carril (Vilagarcía de Arousa). Xa nese ano se retoma o desexo de prolongalo ata Redondela, como aparece reflexada na "Memoria acerca del complemento de una vía férrea transversal de Vigo a la Coruña", (https://atopo.depo.gal/Record/arc.ADP_0003214029) redactado por Inocencio Vilardebó, xerente do ferrocarril compostelano de Santiago a Carril. Este xerente sería substituido por John Trulock, avó materno do premio nobel Camilo José Cela e constituindo a denominada "The West Galicia Railway Company", que sería a que inauguraría a primeira liña de ferrocarril en Galicia o 15 de setembro de 1873.

Un dos documentos máis significativos sobre este ferrocarril que conservamos no Arquivo da Deputación de Pontevedra é a memoria descriptiva relativa ao proxecto do ferrocarril de Pontevedra a Carril, (https://atopo.depo.gal/Record/arc.ADP_0003284286), redactada en 1881, ano no que se inaugura a relación Vigo-Ourense o 18 de xuño de 1881.

Anos máis tarde, o 30 de xuño de 1884, inaugúrase o treito entre Redondela e Pontevedra, quedando só o segundo treito de Pontevedra ata Carril, aberto en 1889, completando así unha líña que enlazaría Santiago con Vigo e Ourense a través de Redondela.