ATOPO
Rexistros actuais: 1.335.675
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.455

A Deputación centrará o debate das súas ‘III Xornadas contra a Impunidade' na corrupción franquista e os seus métodos e as consecuencias na actualidade

A deputada de Memoria María Ortega presentou hoxe o programa dos relatorios, que se desenvolverán o 26 e 27 de novembro no Pazo da Deputación

11 de novembro de 2021 , Memoria histórica
III Xornadas contra a Impunidade

Por terceiro ano consecutivo, e cando se cumpren 85 anos dende o golpe de Estado, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar as súas Xornadas de Loita contra Impunidade, centradas este ano na ‘Corrupción Franquista: métodos e consecuencias na actualidade'. Serán os vindeiros 26 e 27 de novembro no Pazo Provincial e precisarase inscrición (xa aberta en depo.gal) para participar.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega e a técnica provincial de Memoria Montse Fajardo presentaron hoxe o programa. Este pretende, segundo palabras da responsable nacionalista, poñer sobre a mesa "sen censura" que as empresas que financiaron a ditadura xenocida "se fixeron de ouro" mentres había persoas asasinadas, torturadas e encarceradas, e outras sufrían unha importante represión económica que condicionou a súa vida debido a multas, espolio de bens e incautacións sen garantía legal. "Moitos fixéronse ricos a costa de deixarnos sen o mellor daquela xeración", afirmou.

Ortega subliñou que "o verdadeiramente triste, e unha das cousas que fai feble a nosa democracia é que aínda vemos como os herdeiros daquel tempo, das empresas e dos cargos (como o caso da xefatura do estado, por exemplo) levan máis de 40 anos enchéndose o peto con total impunidade, e a cegueira premeditada das institucións e quen as ocupan".

Nas xornadas, segundo abondou a deputada, quedará reflexado que esa ‘corruptela' non rematou no 75 coa morte do ditador, nin no 78 coa aprobación da Constitución, senón que as persoas herdeiras daquel tempo, das empresas e dos cargos, levan máis de 40 anos enriquecéndose con total impunidade "baixo a cegueira premeditada" de certas institucións e quen as ocupa.

Para María Ortega, o feito de que se celebren estas xornadas e se aborden temas coma a relación entre a monarquía e a igrexa coa ditadura, se fale das empresas que se viron beneficiadas polo réxime, ademais do apoio provincial ás familias das vítimas para reclamar unha tutela xudicial efectiva, convirte á Deputación de Pontevedra "nunha excepción na loita contra a impunidade franquista dende as institucións".        

Programa

A técnica Montse Fajardo abondou nas importantes figuras que inclúe o programa deste ano para "acabar cunha das mentiras que propagou o réxime e que non desbaratou de todo a democracia, que é que o franquista era un réxime austero, cando está demostradísimo que non era austero senón corrupto".

Para analizar as empresas que se lucraron e fixeron cartos co apoio á ditadura estará en Pontevedra o xornalista Antonio Maestre, de Eldiario.es e La Marea, e autor de ‘Franquismo SA', que falará na súa charla ‘O capital e a represión' dando especial atención ao acontecido en Galiza. Posteriormente o historiador Xosé Álvarez Castro dará unha visión máis local e polo miúdo sobre a represión das persoas que colaboraban co réxime en cada localidade, xa ben gardas cívicos ou xefes da Falanxe, que extorsionaban ás vítimas a través de espolios ou requisas sen control "das que aquí en Pontevedra saben moito familias como Gama ou Moldes".

Como terceiro relatorio do día, falarase do espolio cultural, da identidade e do relato e de como co Franquismo se perderon a Pontevedra e Galiza de Bóveda e Castelao e acabouse metendo a ‘Galiza no No-Do', título da intervención da profesora de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Busto. Rematarase a xornada do venres coa proxección do documental ‘Billy', de Max Lemcke, coa participación de Miguel Ángel Gómez ‘Gus', vítima de Billy el Niño, achegando ao público a corrupción doutras institucións como a Policía, que permaneceu na democracia incluso con loas aos torturadores. Este documental será o aceno que se fai todos os anos á figura de Chato Galante, ideólogo das Xornadas, e que faleceu o pasado ano.

Na xornada do sábado, durante a mañá, falarase de como afectou a corrupción á actual democracia e como algúns métodos seguiron arraigados nalgunhas institucións como a Xefatura do Estado. Estará en Pontevedra Rebeca Quintáns, autora do libro ‘Un rey golpe a golpe' publicado no 2000 baixo pseudónimo e reeditado co título ‘Juan Carlos I, la biografía sin silencios', a obra máis importante para coñecer a corrupción borbónica.

Outro dos puntos fortes será o momento de falar da relación entre a igrexa e a ditadura franquista cunha das persoas que máis a coñece, o profesor da Universidade de Vigo Xosé Ramón Rodríguez Lago.  A última charla correrá a cargo da profesora de Historia Contemporánea da USC Araceli Freire, membro de Histagra, que falará de como o pobo galego resistiu e se impuxo na ditadura cando esta se intentaba apropiar do ben común. Aquí farase mención especial ás mulleres que loitaban contra a ditadura cando esta intentaba facerse con zonas de monte para "autopistas, pasteiras ou outras empresas que se fixeron ricas e que seguen agora ocupando espazos públicos".

Posteriormente será o momento dunha mesa redonda ‘Cando a herdanza é a memoria', que xuntará a descendentes de vítimas e hoxe baluartes da memoria e da loita contra a impunidade: Carlos Babío, autor da peza sobre Meirás; Susana Sánchez Aríns, autora de ‘Seique' e que falará de como o irmá da súa avoa, xefe local da Falanxe, tamén se apropiou de terras da súa familia aproveitando os seus galóns; e Paqui Maqueda, presidenta dun colectivo memorialista andaluz integrante da plataforma que está a reivindicar unha edificación que aínda hoxe é da familia Queipo de Llano en Sevilla "donada" como Meirás e sobre a que está aberto un proceso xudicial como o feito en A Coruña.

Como remate das Xornadas realizarase unha visita ao Mosteiro de Oia e á Volta dos Nove en Baiona, para coñecer a realidade do campo de concentración que alí houbo e o lugar onde foron asasinados varios sindicalistas  da zona do Val Miñor coa guía de Xosé Lois Vilar, membro do Instituto de Estudos Miñoráns.

Fotos