ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.383
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.647

Cando Xeve era concello


04 de xuño de 2025 Arquivos
Cando Xeve era concello

O Arquivo da Deputación na súa labor de preservar, fomentar e dar a coñecer o patrimonio documental provincial colabora cos arquivos municipais, particulares e outras entidades.

Actualmente,  ven de levarse a cabo a dixitalización de documentación que se atopa no Arquivo municipal de Pontevedra pertencente a antigos concellos anexionados ao de Pontevedra: Salcedo, Santa María de Xeve e Pontesampaio.

En concreto o Concello de Xeve, antiga xurisdición formada polas parroquias de Santo André de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido figuraba no Partido xudicial de Pontevedra, xunto cos de Salcedo, Pontevedra, Alba, Mourente e Pontesampaio, nos primeiros intentos de creación de concellos constitucionais no primeiro terzo do século XIX.

En 1836 creouse coa denominación e capitalidade en Verducido, correspondéndolle dous alcaldes, doce rexedores e dous procuradores síndicos.

Posteriormente, en 1845 solicitouse polos veciños e aceptouse por R.O. de 3 de outubro de 1847 o cambio de capitalidade e denominación pasando a ser concello de Xeve, coa capitalidade en Santa María de Xeve. 

Xeve como Concello funcionou 108 anos, integrándose no de Pontevedra o 17 de febreiro de 1944 por acordo do Consello de Ministros.

A data da primeira da acta conservada é de 1847 sendo alcalde Alberto Gómez. Trala chegada da II República foi nomeado Lino Tilve Corbacho, sendo Benito Rivas Hermida o derradeiro rexedor.

O fondo conservado abrangue 136 unidades de instalación e 1393 agrupacións documentais.

O que se dixitalizou recentemente foron oitenta e un libros de actas do Pleno desde 1847 a 1944 e seis libros de actas da Xunta municipal de Asociados do período comprendido entre 1904 e 1924. Disponse xa do acceso público en liña a través do portal atoPO.

Ao mesmo tempo, tal e como é o caso dos outros antigos concellos da provincia hoxe desaparecidos, no Arquivo da Diputación contamos con documentación relacionada co de Xeve, algunha dela dixitalizada e a disposición da cidadanía tanto en liña como físicamente, como é o caso dos expedientes de eleccións municipais e a Cortes, ou expedientes de quintas entre outros