ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

A Deputación celebra o centenario do pintor Conde Corbal cunha nova edición do seu ‘Fardel de Guerra', unha mostra e unhas xornadas sobre arte e memoria

A deputada de Memoria Histórica María Ortega destaca a necesidade de reivindicar unha das figuras máis significativas da arte galega no século XX  e das máis implicadas coas vítimas do 36

31 de marzo de 2023 Memoria histórica
Centenario Xosé Conde Corbal

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai conmemorar o centenario de Xosé Conde Corbal, un dos máis grandes artistas galegos do século XX -moi vencellado á memoria das vítimas do 36- con tres iniciativas: a publicación dunha nova edición do seu libro de gravados ‘O fardel de guerra' baixo o título ‘O fardel da memoria de Conde Corbal', a exposición dunha selección deses gravados, e  a celebración dunhas xornadas sobre ‘Arte e memoria' nas que se falará da súa figura e tamén de como a expresión artística serve para espallar a memoria.

Na presentación das actividades estiveron presentes hoxe na Deputación a presidenta Carmela Silva, a deputada de Memoria Histórica María Ortega, a técnica provincial de Memoria Montse Fajardo, o coordinador do centenario Antón Mascato, e dous fillos do autor, Enrique e Ana Conde Escuredo.

Segundo destacou a responsable da iniciativa, a deputada María Ortega, a proposta da Deputación pretende reivindicar e homenaxear a unha persoas que a través da arte amosou o horror que se viviu na represión durante a ditadura. Destacou que nas súas láminas de ‘O fardel da guerra'- creadas nas décadas de 1970 e 1980-, deu  unha visión poliédrica do golpe de Estado en Galiza, representando todas as tipoloxías posibles de vítimas (persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas, nais orfas de fillos e fillas...) e tamén persoas represoras. "Xosé viunas con esa ollada de artista, empática, que transmite o sufrimento pero tamén a esperanza de persoas que eran quen de facer unha Galiza con futuro", subliñou.

A deputada nacionalista quixo dar as grazas polo traballo ao coordinador do centenario Antonio Mascato e á familia de Conde Corbal pola súa colaboración, facendo especial mención á viúva de Corbal, así como ao departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico e á área de Memoria e polo seu traballo nestes anos, destacando a necesidade de que se manteña no vindeiro mandato.

Pola súa banda, a presidenta provincial Carmela Silva destacou na súa intervención na rolda de prensa que "hoxe esta sala énchese da mellor memoria e ten outra cor, a cor da dignidade". Silva incidiu en que "hai que recuperar a memoria e particularmente a historia de persoas únicas, extraordinarias e exemplo de vida" como Xosé Conde Corbal, "que ten unha historia exemplar e exemplarizante".

"Nesta Administración –dixo- estamos moi orgullosas e orgullosos de Conde Corbal, das súas aportacións e de como axudou a construír a cidade e dende logo unha provincia". Ademais a presidenta louvou o traballo do departamento que dirixe María Ortega que, segundo dixo, ten convertido á Deputación "na Administración provincial que máis ten apostado pola memoria histórica non só en Galicia senón no conxunto do Estado".

Herdeiro da Xeración Nós

O coordinador dos actos do centenario de Xosé Conde Corbal explicou que o pintor naceu o 5 de abril de hai cen anos, sendo neto do empresario Benito Corbal –coñecido nomeadamente na cidade de Pontevedra pola súa rúa- e discípulo de figuras como Bibiano Osorio Tafall, Valle Inclán ou Vicente Risco. Destacou que a súa obra "non é menos interesante" que a dos ‘Álbumes de guerra' ou ‘Atila en Galicia' de Castelao en relación á memoria histórica, e destacou que formou parte dunha xeración ponte entre os anos posteriores á guerra e a xeración actual de artistas galegos.

Mascato cualificou que a obra de Corbal como brillante e potente, e sinalou que o seu álbum de guerra "tivo mala sorte", subliñando que empregou os cartos da venda dunha vivenda familiar en editar a colección de gravados, mais foi "maltratada". Segundo sinalou o coordinador do centenario, o autor estaba "frustrado" coa recepción que tivera nos anos 80 unha obra tan brillante, e destacou que hoxe estaría "encantado" de que a mostra coas láminas estivese agora a disposición do público, principalmente da xente nova.

De feito, a exposición cos gravados do ‘Fardel de Guerra' que retomará a que se pechou no Museo do Pobo Galego o 20 de abril poderase visitar a partir do 21 de abril no vestíbulo do Pazo da Deputación de Pontevedra (de luns a venres en horario de 9 a 19.30 h) e despois itinerará por concellos, centros de ensino e outras institucións da provincia.

As xornadas sobre "Arte e Memoria", por outra parte, abriranse o día 21 de abril, cando se centrarán na obra de Conde Corbal, para pasar o 22 a falar da relación da arte coa Memoria Histórica galega. Está xa aberto o prazo de inscrición (de balde) no banner específico dentro de depo.gal.

Finalmente, estará a disposición do público –dixo o coordinador- unha edición ‘luxo' dos gravados que, baixo o título ‘O fardel da memoria de Conde Corbal' recolle as 88 pezas da colección comentadas por persoas do mundo da investigación, a memoria, a literatura, a poesía e a música (Patricia Arias, Xoán Carlos Garrido, Lupe Martínez, Xosé Álvarez Castro, Aloia Ínsua, Carlos Méixome, Alberto Avendaño, Paz Antón, María Victoria Martíns, Antón Mascato, Montse Fajardo, Ana Cabana, Susana S. Aríns, Cruz López, Xosé Enrique Acuña, Uxía Senlle, María Obelleiro, Dionisio Pereira, Héitor Picallo e Lola Varela).

"Este esforzo da Deputación por sacar á luz as súas obras resarce esa mala sensación que puido ter Pepe na súa vida", dixo Mascato, igual que se manifestou o fillo de Conde Corbal, Enrique, quen agradeceu que a Deputación saque figura de seu pai de 25 anos "de esquecemento".

Salientou que Conde Corbal puxo o seu talento e a súa obra gráfica a disposición do país para levantar a autoestima de galegas e galegos, querendo democratizar a arte e utilizando técnicas para que esta chegara a toda a poboación abaratando custes.

Enrique Conde destacou que a familia dispón nestes momentos dunhas 1.700 pezas do artista, de quen dixo é o "último herdeiro da xeración Nós, unha xeración luminosa que el revisou".

Lembrou tamén o mal que o pasou seu pai cando se abriu a exposición do ‘Fardel de guerra' e tivo nulo éxito, porque fora moi próxima ao Levantamento de Tejero. Por aquel entón, lembrou o fillo, entendíase que unha persoa da súa posición non debía tratar un tema tan incómodo como o da memoria. "Nos debuxos a xente recoñécese", destacou, facendo referencia ás vítimas e vitimarios, pero salientou que son imaxes que se poden relacionar con calquera guerra, incluso coa actual de Ucrania.

Fotos