ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.437
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.505

Día do Patrimonio Audiovisual 2020

Fondos Audiovisuais e liñas de traballo actuais

27 de outubro de 2020 Audiovisuais

A celebración do Día do Patrimonio Audiovisual cada 27 de outubro, instaurada pola UNESCO e o Consello Internacional de Arquivos (ICA) e neste ano 2020 baixo o lema "A túa xanela ó mundo", tenta tomar conciencia sobre a importancia de salvagardar e divulgar ante a cidadanía este patrimonio que non por estar fixado en formatos e soportes máis recentes non corre graves riscos de perda e desaparición.

Con esta intención foi coa que o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación creou a súa Sección de Fondos Audiovisuais en 2004.

Como corresponde a súa función de arquivo, o Servizo conserva fondos audiovisuais propios, xerados pola Deputación de Pontevedra no decurso das súas actividades; e alén destes fondos institucionais tamén recollemos e conservamos distintos fondos audiovisuais galegos – ou relacionados con Galicia- en todo tipo de formato: longametraxes, curtametraxes, documentais, traballos de videocreación, programas e reportaxes televisivos, etc. Na actualidade o número de referencias coas que contamos supera as 3000.

As tipoloxías nas que conservamos estes fondos, institucionais ou externos, son moi variadas e representativas da evolución técnica dos soportes: filmes de 8, 16 e 35mm, cintas magnéticas, U-matic, VHS, Beta, MiniDV, DVD, arquivos dixitais….

As nosas liñas de traballo actuais son, entre outras, as seguintes:

Implantación dun servizo de streaming: en colaboración co Servizo de Novas Tecnoloxías, estamos a implantar un servicio de streaming, que permitirá ver a través do metabuscador AtoPO as gravacións propias coas que contamos: actos institucionais da Deputación, documentais e reportaxes gravados no Servizo dende a década dos anos 80 do século XX. Este traballo se desenvolve en paralelo coa posta a disposición da cidadanía das gravacións sonoras de máis de 200 Plenos e reunións institucionais da Deputación, tamén a través do metabuscador.

Arquivo do audiovisual galego: outra das liñas actuais pasa por manter e reforzar unha política estable de ingreso de fondos, ofrecendo ós creadores audiovisuais galegos a posibilidade de arquivar os seus traballos para que estean dispoñíbeis para a consulta de investigadores e cidadáns, respectando sempre os seus dereitos de propiedade intelectual. Así, nos dous últimos anos ampliamos de xeito sobranceiro o noso número de rexistros a través da colaboración dun bo número de creadores que nos cederon as súas obras. Cómpre salientar que os materiais que máis nos interesan son aqueles que están máis afastados dos circuítos comerciais, como os documentais, as curtametraxes, o cinema experimental, o cinema de animación, as webseries e os formatos nativos na rede, así como o cinema afeccionado.

•Campañas de salvagarda do patrimonio audiovisual: xa contamos con máis de 50 gravacións familiares ou de cineastas afeccionados, en formato 8mm ou VHS, que pretendemos dixitalizar e difundir a través da nosa web, na liña que xustifica a celebración dunha data como esta, a concienciación da necesidade de manter a salvo o noso patrimonio audiovisual.