Dixitalizada a documentación de antigo Concello de Salcedo

Actualmente e por persoal do equipo do Arquivo da deputación ven de levarse a cabo a dixitalización de documentación que se atopa no Arquivo da cidade do Lérez pertencente a antigos concellos anexionados ao de Pontevedra: Salcedo, Berducido-Xeve e Pontesampaio.
No caso do Concello de Salcedo, se ben é certo que inicialmente no proceso constitucional formara parte do Concello pontevedrés entre 1836 e 1842, estivo plenamente en vigor, composto polas parroquias de Lourizán e Salcedo, entre 1842 e 1869 máis concretamente ata o día 18 de xuño do 1869 data na que se integra definitivamente no de Pontevedra.
Por múltiples circunstancias o certo é que a única documentación que conserva o Concello de Pontevedra, agora xa dixitalizada e dispoñible no portal Atopo son cinco libros de actas de sesións do pleno, que abranguen o marco cronolóxico que vai dende 1851 e 1867, así como dous libros de rexistros de saída de documentos entre 1867 e 1869 e un expediente de edificación do cemiterio de 1867.
Tamén podemos atopar mostras documentais da súa xestión, actividades e actuación no propio Arquivo da Deputación, con descrición a disposición pública en Atopo.
As actas constitúen, documentalmente, unha categoría específica que presenta características uniformes e que permiten precisar a súa estrutura e forma: encabezamento, corpo e pé da acta.
O encabezamento da acta componse de varios elementos:
- Título indicando o órgano colexiado do que se trata, o número da sesión e o seu carácter ordinario ou extraordinario.
- Datos xerais entre os que se especifica o día e a hora da sesión, así como o lugar en que tivese lugar.
- Indicación das persoas que asistisen, consignando o nome e apelidos, o cargo que ocupen dentro do órgano (presidente, vogal, secretario).
- Relación completa dos membros do órgano que non asistan á sesión indicando as mesmas circunstancias que no apartado asistentes.
- Orde do día: Indicación de apartados da orde do día, fixados polo presidente, numerados correlativamente.
O corpo documental recolle o relato do desenvolvemento da sesión ordenados en varias partes:
- Os puntos principais da deliberación, facendo constar os que teñan importancia real en relación aos acordos que se adopten. Normalmente a redacción debe reflectir as intervencións e deliberacións identificando os membros participantes.
- A forma e resultado da votación.
- Contidos dos acordos facendo constar o acordo sobre cada asunto.
- Os votos contrarios ao acordo adoptado e os motivos que o xustifiquen así como as abstencións e os motivos que as xustifiquen e o sentido do seu voto favorable.
Por último o Pé da acta, onde figura a sinatura e antefirma do secretario e o visado do Presidente.
Os libros de actas do Concello de Salcedo poden consultarse publicamente en Atopo. Inícianse coa sesión de 9 de xaneiro presidida po D. Baltasar de Camba como alcalde, exercendo de secretario D Juan Antonio Barbeito.