Documentación de Manuel Lorenzo Brocos (1860-1946)
Desde o 30 de maio de 2023, o Arquivo da Deputación custodia un novo fondo adquirido mediante doazón permanente da man de Mónica Penas Penas, como descendente e membro da familia propietaria da documentación.
Trátase dunha pequena agrupación documental, recollida nunha unidade de instalación e cun marco cronolóxico que abrangue desde 1910 ata 1933.
O fondo comprende os documentos de Manuel Lorenzo Brocos, natural do lugar de Dorvisón, da parroquia da Insua no partido de Lalín e que emigrou a Habana a principios do século XX onde foi un membro moi destacado e activo da comunidade galega da Illa formando parte da influínte Sociedade "Hijos del Partido de Lalín" constituída o 23 de marzo de 1910. Do papel activo na organización e o seu paso por distintos cargos directivos nos informan as Memorias anuais da Sociedade, así como outros documentos nos que se reflexan as preocupacións por mellorar as condicións da poboación de Lalín promovendo un Hospital-Asilo na vila ou a creación de escolas.
Cando regresa a súa terra involucrase na formación do Sindicato Agrario de Insua e Duxame, parroquias do antigo concello de Carbia (actualmente Vila de cruces).
Entre a información que podemos atopar están os estatutos do sindicato así como os libros de actas das Xuntas directivas e xerais, o libro de rexistro de socios ou de caixa, correspondencia, circulares ou comunicacións.
Tamén se conservan varias fotografías, tanto retratos de Manuel Lorenzo Brocos, como actos relevantes na súa parroquia. Foi destacado no seu entorno por ser un grande afeccionado a pintura, sendo recoñecido como O Pintor de Dorvisón. Da súa habilidade queda constancia nunha foto onde se amosa a decoración interior da escola de Dorvisón.
Por tanto, o conxunto documental fixándonos nos datos de Lorenzo Brocos, resulta de interese para o estudo da repercusión que a emigración tivo en Galicia nunha pluralidade de aspectos: o cambio na psicoloxía colectiva, as iniciativas educativas e benéficas dos emigrantes retornados, a formación de sociedades agrarias, neste senso pódese relacionar co movemento agrario de ideoloxía católica que se deu en Galicia no primeiro terzo do século XX, o lanzamento de xornais ou revistas, ou a aceleración do proceso de instrución na nosa terra.
Se queredes saber máis , tendes a vosa disposición o fondo dixitalizado a través do portal atopo da Deputación de Pontevedra no enlace seguinte https://atopo.depo.gal/Search/Results?lookfor=Fotograf%C3%ADa+de+Manuel+Lorenzo+Brocos&type=AllFields&filter%5B%5D=fond_txtF_mv%3A%22MANUEL+LORENZO+BROCOS%22
Ou nas dependencias do Arquivo en horario de 9 a 14:00 de luns a venres.