Preto dun milleiro de rapazas e rapaces participaron no ciclo de proxeccións sobre a figura do xeógrafo Domingo Fontán organizado pola Deputación
A Deputación pechou esta mañá en Poio e Ponte Caldelas o seu ciclo de proxeccións sobre a figura do xeógrafo Domingo Fontán organizado polo departamento de Patrimonio, no que durante as últimas semanas participaron preto de un milleiro de rapazas e rapaces de ESO e Bacharelato en dez concellos da provincia.
A responsable da iniciativa, a deputada María Ortega, destacou a satisfacción pola "magnífica" acollida que tiveron as actividades, dando a coñecer ao que foi "un dos máis grandes homes que deu Galicia e o máis relevante cartógrafo do século XIX", o matemático e xeógrafo Domingo Fontán, quen creou o Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro feito en todo o estado español con metodoloxía científica. Ortega destacou que grazas a esta iniciativa o alumnado tamén puido coñecer que na Deputación existe unha cartoteca, a primeira de Galiza –creada en 2003-, que tamén leva o nome de Domingo Fontán e na que se prestan servizos e se poden consultar diferentes recursos en rede.
Na xornada de hoxe o ciclo de proxeccións e coloquios sobre Domingo Fontán chegou a primeira hora da mañá á rapazada do IES de Ponte Caldelas e despois á do IES de Poio, tras de ter pasado por Redondela, Mos, Meis, Portas, Ponteareas, O Rosal, Moraña e Silleda nas últimas semanas.
Coa peza audiovisual ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia', o alumnado de todos os centros fixo un percorrido pola historia e a orografía galega a través de entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía. No vídeo coñeceron que a Carta Xeométrica de Galiza é un mapa físico de Galiza realizado entre 1817 e 1834, e está considerado como o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).
Segundo explicaron as persoas participantes na peza audiovisual, para cartografar Galiza, Domingo Fontán estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos. No seu obxectivo tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo e recolleu a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.
O documental serviu para falar do século XIX, unha época esencial no desenvolvemento de Galiza e chea de acontecementos e figuras históricas salientables que se relacionan con Domingo Fontán. A temática do coloquio enlazou ademais con temas de actualidade como o ‘big data' ou a xeolocalización. Para finalizar a xornada, despois da peza e da exposición do persoal organizador, o alumnado puido manexar mapas cartográficos e tamén manipular instrumental para medir distancias e ángulos, semellante ao utilizado Fontán, comparándoo co que existe na actualidade, principalmente os teodolitos usados en topografía.