ATOPO
Rexistros actuais: 1.180.622
Obxectos dixitais dispoñibles: 423.618

Éxito da campaña de captación de títulos sobre a provincia


21 de xullo de 2022 Biblioteca
Libros da provincia

Continuando co seu constante labor de recompilación, conservación e difusión dunha colección o máis completa e representativa posible de bibliografía sobre a provincia de Pontevedra e os concellos que a constitúen, a biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra ven de levar a cabo unha campaña de "rescate" de publicacións que ata agora non formaban parte do seu catálogo e que xa están dispoñibles nas modalidades de consulta en sala e préstamo a domicilio para todas as persoas usuarias do Servizo.

Trátase de publicacións en moitos casos con carácter non venal e tiradas limitadas, de aí a importancia de poder localizalas e incorporalas á colección da biblioteca.

En total máis de 40 títulos (cedidos de xeito totalmente desinteresado por parte de diferentes institucións e asociacións) entre os que podemos citar Mulleres de Nigrán, Torres, pazos e casas fidalgas do concello da Estrada, A Redondela de 1669 na acuarela de Pier María Baldi, Antonio Palacios e o Porriño, Cruceiros de Ribadumia, A Escola de Artes e Oficios: 130 anos na historia de Vigo, Dispersos de Antonio Fraguas sobre as Terras de Cotobade, 20 anos de malla tradicional en Doade (Lalín), Mulleres senlleiras que residiron en Moaña (séculos XII a XIX), As ribeiras do Ulla no século XVIII: os usos da auga ou Arquitectura de intermediación no Val de Miñor.