A Deputación amosará libros de temática literaria, cultural e de memoria histórica na Feira do Libro de Redondela
A Deputación de Pontevedra volve ter presenza na Feira do Libro de Redondela, que arranca este xoves 15 de xuño na Alameda de Redondela e se desenvolverá ata o domingo 18 de xuño, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A institución provincial contará cunha caseta propia e, ademais, organiza unha sesión de "Cantacontos" a cargo de Migallas Teatro que terá lugar o sábado 17 de xuño ás 12:30 horas.
Na caseta na Feira de Redondela a institución contará cunha mostra de libros de temática literaria, cultural e de memoria histórica editados pola Deputación ou que son froito de colaboracións e programas da institución: "365 días 365 mulleres", "Ti non sabes o que é ser escritora" (do Manifesto de Soutomaior), "A conversa expansiva. VII Obradoiro Internacional de Tradución Poética", "Violetas no asfalto" de Lucía Novas, "Auga nómade" de Eva Veiga, "O pasado por vir", "O pasado por vir II", "Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra", "Regreso á illa de San Simón", "As 9 cruces", "Desmontando a propaganda franquista", "O fardel da memoria" de Conde Corbal, "Tres tempos e a esperanza" de Mariví Villaverde, "Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra" de Álvaro Cunqueiro, "Tes cinco minutos #3" (da Escola de letras) e "Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil" de Manolo González. As persoas que se acheguen ata a caseta da Deputación poderán recibir agasallos promocionais, concretamente cadernos e lapis co lema "Cultura cos pés na terra". Os lapis, ademais, inclúen sementes para que a xente poida, de xeito simbólico, cultivar cultura nas súas casas.
"Cantacontos" de Migallas Teatro
O sábado 17 de xuño ás 12:30 horas no recinto da Feira terá lugar o "Cantacontos" de Migallas Teatro, unha actividade organizada pola Deputación de Pontevedra na que os contos tradicionais ou de creación propia serán arrequentados con cancións, música ou sons que contribuirán a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos que contará a compañía tratarán cuestións próximas ás e aos infantes, á vez que as e os convidan a participar no seu desenlace.