A Deputación redobra a súa colaboración coa Feira do Libro de Vigo
A Deputación de Pontevedra revalida a súa presenza na Feira do Libro de Vigo, que arranca este venres 23 de xuño na zona peonil do Calvario e se desenvolverá ata o xoves 29 de xuño, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A institución provincial contará cunha caseta propia e, ademais, organiza para o luns, 26 de xuño, unha sesión de contacontos a cargo de Bea Campos.
Na Feira de Vigo a Deputación ofrecerá unha mostra de libros de temática literaria, cultural e de memoria histórica, editados pola institución ou que son froito de colaboracións, e de programas propios como "365 días 365 mulleres", "Ti non sabes o que é ser escritora" (do Manifesto de Soutomaior), "A conversa expansiva. VII Obradoiro Internacional de Tradución Poética", "Violetas no asfalto" de Lucía Novas, "Auga nómade" de Eva Veiga, "O pasado por vir", "O pasado por vir II", "Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra", "Regreso á illa de San Simón", "As 9 cruces", "Desmontando a propaganda franquista", "O fardel da memoria" de Conde Corbal, "Tres tempos e a esperanza" de Mariví Villaverde, "Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra" de Álvaro Cunqueiro, "Tes cinco minutos #3" (da Escola de letras) e "Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil" de Manolo González.
As persoas que se acheguen ata a caseta da Deputación poderán recibir tamén agasallos promocionais, como cadernos e lapis co lema "Cultura cos pés na terra". Os lapis, ademais, inclúen sementes para que a xente poida, de xeito simbólico, cultivar cultura nas súas casas.
Como actividade complementaria, o luns, 26 de xuño ás 12.30 horas, no recinto no Calvario, terá lugar unha sesión de contacontos a cargo da actriz, narradora e directora teatral Bea Campos. Trátase dunha actividade na que se espertarán as emocións de nenas e nenos, con temáticas e cuestións próximas á rapazada. Bea Campos, licenciada en Arte Dramático pola ESAD de Galicia, comezou dende moi nova a contar contos. Ao longo da súa traxectoria ten realizado milleiros de actuacións en ámbalas dúas beiras do Atlántico.