ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.862
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.616

Fondos gráficos do Arquivo Municipal de Vigo


25 de setembro de 2024 Fondos gráficos
Ofrenda no panteón de Concepción Arenal, 1975

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra acaba de rematar os traballos de dixitalización e catalogación dos fondos fotográficos existentes no Arquivo Municipal de Vigo, en colaboración con esta institución.

Estes traballos xa foran iniciados polo propio arquivo municipal en 2018, que agora cedeu o resto dos fondos gráficos a este servizo da Deputación para continuar coa dixitalización e catalogación nas bases de datos propias, así como coa súa difusión no metabuscador Atopo.

Esta fase do traballo supuxo a catalogación e dixitalización de 7.300 imaxes, cedidas polo Concello, que mantén a titularidade tanto dos soportes físicos coma dos obxectos dixitais resultantes do proceso. A catalogación implicou a revisión e mellora do traballo previo emprendido polo arquivo municipal, mentres que a dixitalización se fixo conforme aos estándares empregados por este servizo nos seus procesos de ordenación de fondos gráficos.

A colección está formada na súa maior parte por positivos fotográficos, en cor ou en branco e negro, así como por estampas ou cromos, tarxetas postais e negativos fotográficos. Todo este material deu como resultado un conxunto de 1.826 rexistros no metabuscador Atopo. Estes inclúen as máis de 2.000 imaxes dixitalizadas previamente, que poden completarse con novas fotografías custodiadas entre os fondos municipais. Moitos destes rexistros estrutúranse en forma de reportaxes fotográficas e o resto como imaxes individuais.

A maior parte das imaxes teñen un carácter institucional e recollen momentos correspondentes aos mandatos de Rafael Portanet (1964-1970), Antonio Ramilo (1970-1974), Joaquín García Picher (1974-1978), Emma González Bermello (1978-1979), Manuel Soto (1979-1991) e Carlos Príncipe (1991-1995). Inclúense imaxes de actos oficiais, reunións e recepcións; festas populares e actuacións

musicais en Castrelos; competicións deportivas; feiras e certames sectoriais; inauguracións de infraestruturas; exposicións e actividades culturais, entre outras.

Nesta tipoloxía de imaxes non soamente aparecen moitas e moitos dos protagonistas da vida viguesa das catro últimas décadas do século xx, senón tamén un bo número de persoas destacadas da vida política, económica, social e cultural de Galicia e España.

Xunto a estas imaxes de tipo institucional, tamén existen outras do patrimonio e paisaxe da cidade que permiten coñecer a súa evolución durante o século xx.

Fondos no metabuscador Atopo

Fotos