ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.529
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.494

Lito Portela: "o sitio onde vivo é de onde bebo e me empapo para crear as miñas obras"

O artista presentou hoxe en Moaña o libro-catálogo ‘Máis alá da paisaxe', editado pola Deputación de Pontevedra

10 de xuño de 2022 Editorial
Lito Portela

"O sitio onde vivo- Moaña- é de onde bebo e me empapo para crear as miñas obras". Así o manifestou hoxe o pintor e escultor Lito Portela na presentación do seu libro-catálogo ‘Máis alá da paisaxe', unha publicación editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra dirixido pola deputada María Ortega.

O artista manifestouse agradecido e encantado de que a institución provincial divulgue a súa creación, unha importante colección de acuarelas co mar como temática fundamental. Explicou que as influencias do seu traballo sempre están no lugar onde reside, a súa terra, a súa cultura e a súa memoria visual. Salientou, así mesmo, que no catálogo compróbase que utiliza dunha maneira moi persoal a técnica da acuarela, de maneira máis densa, mollando o papel e secándoo en sucesivas ocasión, polo que este pasa a ser non só un soporte  senón tamén o material co que fai as obras.

Portela agradeceu o seu traballo aos colaboradores do libro, presentes no acto. Do escritor Manuel  M. Romón asegurou que "entende o traballo que fago e en moitas ocasións descubre cousas que nin eu vexo"; do historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez subliñou a coincidencia na traxectoria común; e de Luís Nacidas, salientou a súa capacidade de expresar de xeito diferente e próximo aquilo que el busca transmitir coas súas pinturas. "Son tres visións distintas que me coñecen e entenden", subliñou.

O autor explicou que o catálogo e os textos foran creados con motivo de dúas exposicións nos anos 2018-2019 en Vigo e Santiago. Destacou que dende entón está a traballar nunha terceira parte de ‘Máis alá da paisaxe' na que non só aparece o mar, senón tamén montañas e nubes con outras perspectivas, e agora está a pensar a posibilidade de facer unha nova exposición.

Pola súa parte, a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, destacou que a Deputación reimprimiu o libro-catálogo de Lito Portela por fomentar a difusión de "traballos que terían difícil saída dentro do mundo comercial, pero que son considerados de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo, principalmente na provincia de Pontevedra".

Salientou, de feito, que Portela recolle a súa visión do mar e o pobo de Moaña dunha maneira singular acompañándose sempre de persoeiros destacados e expresándose sempre en lingua galega.

Pola súa banda, a alcaldesa Leticia Santos subliñou que Lito Portela "é un artista de grande importante para Moaña" xa que retrata como poucos a esencia mariñeira da vila. "Nós presumimos sempre que podemos del e da nosa vila incluso utilizando as súas obras como regalo institucional do Concello", apuntou a nacionalista.