ATOPO
Rexistros actuais: 1.345.116
Obxectos dixitais dispoñibles: 494.904

A Deputación lanza "O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible", un novo libro da área de Memoria que recolle proxectos de progreso na Galiza truncados polo golpe do 36

A publicación inclúe artigos sobre a Misión Biolóxica, Zeltia, Cerámicas Celta, Os fillos do Sol, a arte, o cinema, a Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo e figuras como Urania Mella ou Alejandro Viana, entre outras  

O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, vén de publicar ‘O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible', un novo libro que recolle proxectos de progreso desenvolvidos na Galiza de principios do século XX, pero truncados polo golpe do 1936. A publicación inclúe artigos sobre a Misión Biolóxica, Zeltia, Cerámicas Celta, Os fillos do Sol, a arte, o cinema, a Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo e escritos sobre figuras relevantes como Urania Mella ou Alejandro Viana, entre outras. A presentación, aberta ao público, será o vindeiro mércores 3 de maio ás 19.30 horas.

‘O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible' pretende ser a segunda parte da publicación ‘O Pasado Por Vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo', editado a mediados de 2021 con artigos que falaban sobre a loita sindical, a agraria, o xurdimento do nacionalismo, a aposta polo ensino ou a incursión da muller no deporte e ao seu protagonismo na propia recuperación da memoria.

A publicación actual, que se distribuirá nas bibliotecas e puntos de lectura municipais e se entregará de balde ás asociacións de memoria, supón "afinar un pouco máis a imaxe e pousar o obxectivo sobre proxectos concretos, algúns xa enxergados naquel primeiro debuxo de trazo groso", asegura a deputada de Memoria María Ortega. Así, a nova entrega convida a percorrer a Misión Biolóxica coa rapazada de Ultreia, a saber máis a fábrica de Cerámicas Celta, a coñecer ‘Os fillos do Sol' ou a achegarse a biografías senlleiras como as de Oria Moreno, Alonso Ríos, Urania Mella ou Alejandro Viana, entre outras.

As persoas responsables dos artigos , que comparten no libro anos de investigación e escritos feitos especificamente para a publicación afondando en cuestións das que apenas existía bibliografía, son Miriam Miguélez González, David Rodríguez Rodríguez, Roberto Mera Covas, Mila Bouzón Castroagudín, Natalia Jorge Pereira, Concepción López Sánchez, Xaime Toxo, Francisco R. Pastoriza, Arturo S. Cidrás, Montse Fajardo Pérez, Margarita Ledo Andión e María Ángeles Tilve Jar.

A presentación do libro, coa presenza das persoas autoras Margarita Ledo e Xaime Toxo, e a actuación musical de MJ Pérez, terá lugar no Pazo Provincial en Pontevedra o vindeiro mércores día 3 de maio ás 19.30 horas. Para asistir é preciso inscribirse en memoriahistorica@depo.gal.