ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.648
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.442

A Deputación presenta mañá un novo libro da área de Memoria Histórica: ‘O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible'

A publicación inclúe artigos sobre proxectos de progreso galegos truncados polo golpe do 36

Presentación do libro ‘O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible'

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, vai presentar mañá o libro ‘O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible', unha nova publicación  que recolle proxectos de progreso desenvolvidos na Galiza de principios do século XX, pero truncados polo golpe do 1936. O acto, que será no Pazo Provincial ás 19.30 horas, contará coa participación de Xaime Toxo e Margarita Ledo e a actuación musical de MJ Pérez.

‘O Pasado Por Vir II. Un Tempo Posible' é a segunda parte da publicación ‘O Pasado Por Vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo', editado a mediados de 2021 con artigos que falaban sobre a loita sindical, a agraria, o xurdimento do nacionalismo, a aposta polo ensino ou a incursión da muller no deporte e ao seu protagonismo na propia recuperación da memoria.

A nova entrega convida a percorrer a Misión Biolóxica coa rapazada de Ultreia, a saber máis a fábrica de Cerámicas Celta, a coñecer ‘Os fillos do Sol' ou a achegarse a biografías senlleiras como as de Oria Moreno, Alonso Ríos, Urania Mella ou Alejandro Viana. As persoas autoras dos dez artigos son Miriam Miguélez González, David Rodríguez Rodríguez, Roberto Mera Covas, Mila Bouzón Castroagudín, Natalia Jorge Pereira, Concepción López Sánchez, Xaime Toxo, Francisco R. Pastoriza, Arturo S. Cidrás, Montse Fajardo Pérez, Margarita Ledo Andión e María Ángeles Tilve Jar.

A publicación actual, que se entregará de balde ás persoas asistentes á presentación, distribuirase tamén polas bibliotecas e puntos de lectura municipais. Dúas das persoas autoras, Margarita Ledo e Xaime Toxo, serán as responsables de poñer voz no acto, que tamén terá unha parte musical coa actuación de MJ Pérez. Para asistir –apenas quedan prazas dispoñibles- é preciso inscribirse en memoriahistorica@depo.gal.