ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

A Deputación acolle este mércores a presentación do libro "Os anos do silencio" do investigador Xosé Álvarez Castro

Participarán a deputada de Memoria María Ortega, o editor de Xerais Fran Alonso e María Lores Torres como neta dun represaliado

05 de abril de 2022 Memoria histórica
Os anos do silencio

A Deputación de Pontevedra vai acoller mañá mércores a presentación do libro ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)' do investigador pontevedrés e colaborador do departamento provincial de Memoria Histórica Xosé Álvarez Castro.

O acto, da man da Libraría Paz, celebrarase ás sete da tarde nun lugar simbólico para a memoria da provincia, o salón nobre do Pazo Provincial, onde se ditaron sentencias e condenas franquistas. Intervirán a deputada de Memoria Histórica María Ortega, o editor de ‘Xerais' Fran Alonso, e María Lores Torres, como neta de represaliado, xunto ao autor.

‘Os anos do silencio' completa a investigación de ‘Pontevedra nos anos do meso. Golpe militar e represión (1936-1939)' publicado tamén por Xerais en 2013. Adoptando un tratamento crítico e rigoroso das variadas fondes documentais que emprega o autor, o libro presenta un enfoque didáctico e divulgativo.

Xosé Álvarez é profesor de historia xubilado. Conta entre as súas publicacións ademais das anteriormente citadas coa peza ‘Mourente nos anos do medo. Sociedade, golpe militar e represión' e participou en libros e publicacións de autoría colectiva como ‘Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron', ‘Rebeldía galega contra a inxustiza', ‘El terror fascista en Galicia. Memòria antifranquista del Baix Llobregat. Nº 13'.

Mantén na rede dende o ano 2008 o blogue ‘Pontevedra nos anos do medo' (http://anosdomedo.blogspot.com) sobre historia contemporánea, ademais de escribir artigos en revistas como Revista Galega de Educación, Cuadernos de Pedagogía, Cedofeita, entre outras, e de colaborar en Nós Diario.

Coa Deputación de Pontevedra está a impartir charlas por toda a provincia sobre ‘O movemento agrario na comarca pontevedresa', explicando a historia do movemento agrario na comarca desde a súa formación ata a represión  sufrida tras o golpe militar do 36. Nelas fala das iniciativas de progreso que impulsaron (entidades de crédito, publicacións, innovacións técnicas, etc), a participación política ao longo do tempo e a acción represora sobre os seus dirixentes así como o esquecemento que se  impuxo sobre este tipo de sociedades.