ATOPO
Rexistros actuais: 1.335.464
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.585

O alumnado do IES San Paio de Tui achégase á memoria histórica dende unha perspectiva de muller da man da Deputación

Hoxe representouse a peza teatral ‘A señora de Forcadela' baseada na vida da mestra Josefa García Segret

09 de marzo de 2022 Memoria histórica
O pasado por vir

O alumnado do IES San Paoio participará ao longo deste mes de marzo en varias das actividades sobre memoria histórica que a Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir', está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino. O instituto acolleu hoxe a representación da peza teatral ‘A señora de Forcadela, que permitiu ao alumnado achegarse dunha maneira diferente ás vivencias vividas pola cidadanía durante a represión e a ditadura.

‘A señora de Forcadela', representada pola compañía teatral ‘Os Quinquilláns', é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36:  foi detida o 15 de agosto e na prisión de  Tui salvou a vida grazas á axuda do médico forense e dun doutor. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle  conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.

En 1982, Josefa García Segret publicou un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras', editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —"polas circunstancias do momento"— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.

Ademais desta actividade, solicitada directamente á Deputación polo IES, este centro de ensino tamén vai acoller outras actividades relacionadas coa ditadura e as mulleres. Mañá celebrarase a charla ‘A represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936' da man da autora Montse Fajardo, e o vindeiro día 30 o relatorio ‘AS mulleres no franquismo' a cargo da investigadora María Victoria Martíns.

Todas estas iniciativas están dispoñibles no catálogo de actos de memoria de 'O Pasado Por Vir' (na web arquivos.depo.gal) , e poden ser solicitadas por todas as asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica na axenda cultural e no debate público.

A deputada de Memoria María Ortega sinala a súa satisfacción polo feito de que centros de ensino estean interesados en abordar a memoria histórica co seu alumnado, xa que "achegar ás persoas máis novas esta temática é un desafío". Apuntou que "creo que dende as institucións comprometidas debemos avanzar na idea preconcibida de que a memoria é un tema que non interesa á rapazada e apostar por un diálogo interxeneracional que lles permita un maior coñecemento e implicación", destaca.