ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.862
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.616

Os fondos gráficos do Liceo Casino de Vilagarcía, dispoñibles en Atopo


25 de setembro de 2024 Fondos gráficos
Entrega de premios dunha proba de natación. Foto Nacho, 1962

A Sección de Fondos Audiovisuais do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra finalizou un proxecto de colaboración co Arquivo Municipal de Vilagarcía de Arousa que consistiu na catalogación, dixitalización e posta a disposición no metabuscador Atopo do fondo fotográfico propiedade do Liceo Casino de Vilagarcía e depositado no propio arquivo municipal.

Composto por 2.247 fotografías en branco e negro e en cor, o fondo reflicte a evolución do Liceo Marítimo, previamente Recreo Liceo, o Casino Vilagarcía e o Club de Mar, institucións que, coa súa fusión entre 2000 e 2001, deron lugar ao actual Liceo Casino de Vilagarcía.

O conxunto de imaxes abrangue todo o século xx e recolle as actividades desenvoltas polas tres sociedades. En primeiro lugar, o labor cultural do Recreo Liceo, logo Liceo Marítimo, con imaxes de representacións teatrais e operísticas, romarías, bailes de entroido e ciclos de conferencias, así como deportivas de diferentes modalidades (remo, halterofilia, baloncesto, balonmán...).

A continuación, desde o ano da súa fundación, 1951, recóllense as actividades dos deportes náuticos do Club de Mar, especialmente as de vela.

Para rematar o conxunto de fotografías, destacan as do Casino de Vilagarcía, fundado en 1910, e entre elas as reportaxes sobre o seu Certame de Cine Afeccionado, posto en marcha en 1973, o decano dos festivais de cine galegos.

Como resultado desta revisión do fondo, pódense consultar en Atopo 405 rexistros, catalogados e dixitalizados polo Arquivo da Deputación (185 deles coa consideración de reportaxes), cun total de 1.778 fotografías, que complementan os rexistros documentais do Liceo existentes no metabuscador.

Con este fondo, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación segue aumentando o seu labor de apoio e colaboración na conservación e difusión dos fondos propios, agora xa 31, e de institucións públicas e privadas, ata un total de 139 que forman parte do patrimonio da provincia.

Fondos no metabuscador Atopo

Fotos