ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

A Deputación publica ‘Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín', actualizando as ilustracións das tiras dos anos 70 da man do alumnado do Garaxe Hermético

A deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega asegurou hoxe na presentación que é unha honra colaborar co primeiro recoñecemento ao autor dende o gremio da Banda Deseñada

Homenaxe a Xaquín Marín

O Arquivo provincial da Deputación acolleu hoxe a presentación de ‘Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín', unha publicación que actualiza as tiras e os textos orixinais do autor sobre o Gaspariño, un neno labrego galego revello, mantendo os textos orixinais sobre os problemas que son propios de Galiza, e só cambiando as ilustracións e a estética da man do alumnado da escola de BD ‘O Garaxe Hermético', cun resultado de total vixencia na actualidade.

Na presentación estiveron a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, o coordinador da publicación Kiko da Silva, o propio Xaquín Marín, e o seu fillo, comisario das súas exposicións antolóxicas. A responsable política do Arquivo subliñou que para a Deputación, dende o seu servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, é unha honra colaborar e editar o libro na primeira homenaxe a Xaquín Marín que se fai dende o gremio da Banda Deseñada, xa que o autor "foi dos primeiros en reivindicar o galego nas súas tiras, un militante do país que defendía os valores do noso pobo".

A nacionalista subliñou que o libro da actualización do Gaspariño é unha mostra máis do talento de varias xeracións do país, xa que é colectivo e reúne a alumnado mozo do Garaxe Hermético, pero tamén profesores como Fernando Iglesias e persoas xa consolidadas como Kiko da Silva (que fai unha ilustración de Marín como Doc de ‘Regreso ao Futuro' e de Gaspariño como Marty pola viaxe no tempo que fai o personaxe) ou Miguel Anxo Prado, encargado da portada, que aceptou o convite de participar na iniciativa sen dubidalo.

Tamén forman parte da publicación con sendos textos Alexandre Marín Oliva, quen destacou que a publicación e homenaxe resulta "moi emocionante",  e a vicepresidenta segunda de Galix, Pilar Sanpedro, quen subliña no seu escrito que o recoñecemento a Marín "non é común nin ordinario", salientando os seus valores sobre e por  Galicia, o galego, a natureza, a emigración, a xustiza e a paz.

Neste mesmo sentido se manifestou Kiko da Silva, quen salientou que a publicación é unha reivindicación do personaxe de Gaspariño dos anos 70, pero tamén dos problemas que segue a ter Galiza. "É traer a Gaspariño ao século XXI, de aí o título. Son os mesmos gags de entón pero debuxados con aspectos de hoxe en día, que poden ter unha interpretación diferente, pero seguen a funcionar porque falan de emigración, da falta de traballo, da emigración, dos eólicos...".

Da Silva destacou que o libro naceu no confinamento como unha proposta de libro colectivo semellante a outros que se fixeron co Garaxe Hermético, pero coa dificultade de non poder coordinarse da maneira habitual. "Tiñamos claro que queriamos facelo porque buscabamos reivindicar ao pioneiro, xunto a Reimundo Patiño, que nos anos 70 facían banda deseñada en galego. As homenaxes hainas que facer cando as persoas aínda están vivas", subliñou.

O propio autor e protagonista da presentación de hoxe no Arquivo, Xaquín Marín, agradeceu o traballo feito na publicación ao actualizar as súas tiras de Gaspariño e subliñou que "a miña vida foi debuxar e aínda sigo facendo tiras de humor despois de 60 anos. É un orgullo o labor de O Garaxe Hermético. Se hai alguén que recolla o facho, hai futuro".

Editorial da Deputación

Por outra banda, a deputada María Ortega quixo aproveitar a última intervención como responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico para agradecer todo o traballo realizado polo persoal do servizo nestes últimos catro anos. Nomeadamente á xefa Ana Vicente e a todas e cada unha das persoas que o compoñen, dende as responsables do Arquivo, da Biblioteca, de Audiovisuais, da Cartoteca, de Memoria Histórica e da Editorial.

Lembrou que a editorial ten 37 anos e leva publicados arredor de 1.000 coa premisa principal de impulsar o galego a través das publicacións, estimular a investigación e ter Galiza, e concretamente a provincia, como eixo fundamental de estudo. Subliñou que no seu catálogo hai narrativa, poesía, arte, ensaio, natureza, investigación, arquitectura, historia, etnografía, xeografía, fotografía, etc, "e dende un tempo a esta parte, tamén a banda deseñada, unha ferramenta moi acaída para achegar mensaxes á mocidade".

Salientou que os títulos da Editorial, unha vez terminado o proceso de impresión, envíanse de balde a todas as institucións públicas e ós organismos que posúan un centro de lectura aberto ó público de maneira que as publicacións estean dispoñibles nas bibliotecas da provincia pontevedresa e, cando é posible segundo a tiraxe de exemplares, tamén nas de fóra da provincia. No caso de ‘Gaspariño XXI' a tiraxe é de 1.000 unidades.

Fotos