ATOPO
Rexistros actuais: 1.181.583
Obxectos dixitais dispoñibles: 423.616

A corrupción e o espolio económico franquista e a súa relación coa monarquía e a igrexa, a debate nas III Xornadas contra a Impunidade da Deputación

O departamento de Memoria Histórica reúne mañá e o sábado en Pontevedra a persoas investigadoras que falarán sobre como os beneficios da ditadura aos seus afíns chegan ata hoxe

25 de novembro de 2021 , Memoria histórica
III Xornadas contra a Impunidade

A corrupción e o espolio e a represión económica franquista e a súa relación coa monarquía e a igrexa serán o centro do debate nas ‘III Xornadas Contra A Impunidade' que se celebrarán mañá venres e o sábado organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación  de Pontevedra. As prazas presenciais están esgotadas dende hai máis de dez días, mais todos os relatorios poden seguirse en directo en liña a través de depo.gal.

A III edición das Xornadas contra a Impunidade do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra pretende afondar no coñecemento dos métodos utilizados pola ditadura para enriquecemento da cúpula franquista e das empresas que apoiaran o golpe, mais tamén, e sobre todo, debater sobre as repercusións que tivo após 1975, sen perder nunca de vista o padecemento que supuxo para as vítimas.

primeiro día das xornadas centrarase no enriquecemento das empresas afíns ao franquismo con atención especial ás galegas, coa charla do xornalista Antonio Maestre. A continuación, o historiador Xosé Álvarez Castro abordará a represión económica contra as familias republicanas e como a corrupción e o enriquecemento ilícito impregnaron distintos estamentos do propio réxime. A seguinte charla, de Beatriz Busto,  estará orientada ao espolio cultural e a roubo do relato por parte do franquismo, que se esforzou en mudar os símbolos da identidade galega. Esa primeira tarde concluirá coa proxección do documental "Billy", presentado por unha das súas vítimas, Miguel Ángel Gómez, Gus. Trátase de abordar a corrupción sistémica da ditadura e a inmobilidade de determinados estamentos após a morte de Franco.

sábado 27 de novembro, a xornada comeza coa charla de Rebeca Quintáns, autora da biografía de Juan Carlos I, pioneira no estudo da corrupción na monarquía. A continuación, Xosé Ramón Rodríguez Lago falará dos beneficios que supuxo para a Igrexa a súa complicidade coa ditadura. Xa tras o café, Araceli Freire falará da resistencia que o pobo galego e nomeadamente as mulleres puxeron ao espolio dos recursos públicos, especialmente do monte en man común, e a xornada matinal remata cunha mesa redonda na que participan descendentes de familias espoliadas que asumiron a herdanza de transmitir a memoria.  O punto final da cita chegará cunha viaxe de memoria a Baiona e Oia.