ATOPO
Rexistros actuais: 1.286.850
Obxectos dixitais dispoñibles: 505.638

A Deputación celebra venres e sábado as xornadas ‘Arte e Memoria' dedicadas a Conde Corbal cun cheo absoluto

Foi preciso ampliar de 100 a 130 o número de persoas inscritas, quedando ademais lista de agarda por non haber maior capacidade

Arte e Memoria dedicadas a Xosé Conde Corbal

A Deputación, ao abeiro do seu departamento de Memoria Histórica , vai celebrar este venres e sábado as xornadas ‘Arte e Memoria' dedicadas a Xosé Conde Corbal, un dos máis grandes artistas galegos do século XX. E farao cun cheo absoluto no salón de plenos do Pazo Provincial: as prazas dispoñibles están cubertas dende xa hai dúas semanas, cando foi preciso ampliar de 100 a 130 o número participantes, se pechou o prazo de solicitude e quedaron máis de 20 persoas en lista de agarda por non haber maior capacidade.

As xornadas o venres 21 terán como punto central a presentación, da man do investigador Antón Mascato e da historiadora Aloia Ínsua, dunha edición ‘luxo' editada pola Deputación con reproducións 88 gravados de Corbal. Baixo o título ‘O fardel da memoria de Conde Corbal', recolle tamén comentarios de persoas do mundo da investigación, a memoria, a literatura, a poesía e a música (Patricia Arias, Xoán Carlos Garrido, Lupe Martínez, Xosé Álvarez Castro, Aloia Ínsua, Carlos Méixome, Alberto Avendaño, Paz Antón, María Victoria Martíns, Antón Mascato, Montse Fajardo, Ana Cabana, Susana S. Aríns, Cruz López, Xosé Enrique Acuña, Uxía Senlle, María Obelleiro, Dionisio Pereira, Héitor Picallo e Lola Varela).

Tamén se abrirá no vestíbulo do Pazo Provincial a exposición ‘O fardel da memoria de Conde Corbal', cunha selección de láminas das máis representativas da súa obra en relación coa Memoria Histórica galega. Será unha mostra que retomará a que se pechou no Museo do Pobo Galego nos anos 80. Poderase visitar  de luns a venres en horario de 9 a 19.30 horas ata o 8 de maio e despois itinerará por concellos, centros de ensino e outras institucións da provincia.

No apartado dos relatorios falará sobre a obra gráfica de Corbal o historiador da arte e profesor Xosé Antón Castro, a hisotriadora e integrante do Consello de Dirección do Museo de Pontevedra Ángeles Tilve Jar falará da relación do autor e o museo provincial, mentres que finalmente proxectarase a película ‘María Csares. A muller que viviu mil vidas', coa intervención previa do seu director Xavier Villaverde.

O sábado 22 a xornada estará centrada de maneira xenérica na relación da arte e a memoria galegas. Falarán a historiadora da arte Rosario Sarmiento sobre ‘Arte, exilio e memoria' e o historiador Carlos Bernárdez sobre ‘A Memoria na arte da Galiza'. Despois celebrarase unha mesa redonda coa actriz Belén Constenla, o cineasta Miguel Anxo Fernández, a profesora Patricia Arias, e o autor de banda deseñada Kiko da Silva. A programación finalizará cunha dramatización dun texto teatral arredor de María Casares.

Un autor ‘maltratado'

Xosé Conde Corbal naceu o 5 de abril de hai cen anos, sendo neto do empresario Benito Corbal –coñecido nomeadamente na cidade de Pontevedra pola súa rúa- e discípulo de figuras como Bibiano Osorio Tafall, Valle Inclán ou Vicente Risco.

A súa obra ‘O fardel de guerra' pódese situar á altura dos ‘Álbumes de guerra' ou ‘Atila en Galicia' de Castelao en relación á memoria histórica, máis "tivo mala sorte", segundo as persoas investigadoras, posto que o autor viuse obrigado a utilizar os cartos da venda dunha vivenda familiar en editar a colección de gravados, que foron ninguneados polas insitucións e o público polo rexeitamento daquel entón a tratar os temas de memoria.