ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.383
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.647

Rafa Domínguez remarca "a maxia especial da Boa Vila" captada por Luís Pereiro en "Pontevedra en fotografías"

O vicepresidente provincial presentou no Arquivo Provincial este volume de máis de dúas centas fotografías sobre a capital da provincia que forma parte dunha nova colección impulsada polo goberno da Deputación sobre fotografía local

08 de maio de 2025 Editorial
Rafa Domínguez presenta el libro Pontevedra en fotografías

"A maxia especial da Boa Vila" protagoniza "Pontevedra en fotografías", o volume de máis de 200 fotografías de Luís Pereiro que forma parte dunha nova colección impulsada pola Deputación de Pontevedra sobre fotografía local. Rafa Domínguez subliñou, no acto de presentación da publicación celebrado no Arquivo Provincial, a capacidade do autor para "captar esta cidade que apela ao máis esencial de nós, que chega ata o máis fondo e fai que nos namoremos dela case como se fose un acto de fe, con tan bos ollos" e "sobre todo, por compartilo con nós".

O volume, con, segundo destacou o vicepresidente, "imaxes que falan por si soas", está coordinado por Antón Sobral e constitúe o primeiro exemplar da nova colección de fotografía local que lanza a Deputación de Pontevedra para poñer en valor o talento dos fotógrafos da provincia. Deste xeito, "Pontevedra en fotografías" recolle unha selección de fotografías que capturan unha poética visual desde a experiencia emocional do seu autor, na que salienta a presenza da luz e as súas oscilacións segundo a época na que foron realizadas. Integran a publicación imaxes de paisaxes e monumentos e ata de celebracións como o Entroido, a Semana Santa ou a Feira Franca, ou tamén de detalles, todas elas de alta calidade técnica e localizadas no municipio, tanto no seu casco histórico e urbano como nas parroquias.

Luís Pereiro, natural de Palas de Rei (Lugo), leva máis de tres décadas vivindo en Pontevedra, onde salienta o seu paso como docente de Lingua Galega no IES Luis Seoane de Monte Porreiro ata a súa xubilación en 2019. É fotógrafo afeccionado e as súas estampas da cidade de Pontevedra levárono a expoñer en lugares como o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. Ademais de repartirse entre os asistentes á presentación, a Deputación tamén distribuirá exemplares de "Pontevedra en fotografías" entre as bibliotecas públicas e puntos de lectura da provincia.