ATOPO
Rexistros actuais: 1.181.477
Obxectos dixitais dispoñibles: 423.615

Recuperar a dignidade das figuras represaliadas en Vilaboa tralo 36, obxectivo do departamento de Memoria da Deputación

A deputada María Ortega subliñou no acto sobre José Casal de ‘A Regaduxa' que "é un luxo" contar co diario manuscrito do represaliado durante a súa reclusión en San Simón para poñer luz na historia

09 de setembro de 2022 , Memoria histórica
Vilaboa Regaduz Memoria

A Deputación de Pontevedra traballará a reo para recuperar a memoria histórica de Vilaboa e poñer en valor figuras como a de José Casal, Casilda Rosendo, Hermosinda Lamoso, Abelardo Sobral, Lola Cerqueiro, Manolo da Socorra, Susa Valladares, Eligio Rey e tantos e tantas outras vítimas veciñas do concello represaliadas logo do Golpe do 36. Así o manifestou hoxe a deputada de Memoria Histórica María Ortega na súa participación no acto organizado polo colectivo ‘A Regaduxa' no que se presentou o proxecto para recuperar e editar o diario manuscrito de José Casal mentres estivo preso en San Simón.

María Ortega destacou que é preciso desmontar o relato franquista e dar a coñecer de xeito diferente a loita emprendida a principios do século pasado por persoas como José Casal, socialista, dirixente da Sociedade Agraria de Cobres e do sindicato naval. "Loita que fixo que fose recluído en San Simón e Ezkaba xunto ao seu irmán Belarmino e o seu curmán Rogelio. O fascismo castigaba así o seu traballo en prol dunha sociedade máis xusta e igualitaria e logo construía un relato onde as vítimas eran os verdugos e os asasinos, os próceres dunha patria da que nunca nos sentiremos parte", subliñou.

Para a deputada é un luxo ter ferramentas para divulgar e poñer luz na historia como o diario manuscrito de José Casal, e unha sorte contar con persoas que durante anos e ante a pasividade da maioría das administracións dedicaron o seu tempo e o seu esforzo en recuperar a memoria como as que integran o colectivo A Regaduxa.

Lembrou que grazas á asociación e ás familias afectadas pola represión "chegou ata nós o relato da loita e do padecemento de mulleres como Casilda Rosendo, compañeira de José, rapada tras o golpe polos fascistas". Como anécdota, Ortega relatou tamén que durante a República a parella tivera unha filla á que chamaran Democracia, mais víronse obrigados a pasar polo aro do bautismo da Igrexa e poñerlle Lucrecia, no mesmo día en que outra nena de Vilaboa, de nome Libertad, era renomeada como Berta.

O acto de hoxe de ‘A Regaduxa' supón o inicio de actividades que a Deputación ten estes días en Vilaboa. A vindeira fin de semana no Canteira Fest o departamento de Memoria da Deputación habilitará un espazo para que a xente nova poida achegarse á memoria a través dos talleres do Rabelo ou Xurxo Souto, do concerto de Najla, da creación do mural de Cestola na Cachola ou das representacións teatrais dos Quinquilláns e as Misións Pedagóxicas.