ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.768
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.500

Susana Villaverde: "Espigas Negras xorde da comuñón entre o íntimo e o documental para abordar a memoria histórica"

A gañadora do III Certame de Memoria Histórica organizado pola Deputación e a ESADg recolleu hoxe o seu premio

20 de marzo de 2023
Susana Villaverde

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, da man da deputada María Ortega, entregou hoxe o premio do seu terceiro certame de Microteatro de Memoria organizado en conxunto coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) a Susana Villaverde García, alumna da ESADg, orixinaria de Vigo e veciña de Redondela, pola súa peza ‘Espigas negras', que fala da revolta dunhas mulleres na defensa do gran que precisaban para facer o pan e que lle querían ‘roubar'.

Villaverde García recolleu o diploma acreditativo, unha libreta de coiro e un bolígrafo coa imaxe institucional do certame para que "escriba alá onde lle veña a inspiración", segundo a deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen confirmou que nos vindeiros días recibirá na súa conta os 500 euros do premio económico.

A autora agradeceu o premio á Deputación de Pontevedra salientando a súa grande ilusión " por ser o primeiro". Tamén deu as grazas "ás mulleres da miña familia. A todas as que viron antes ca min e que son as que me permitiron coñecer a historia e situarme fronte a ela e abordala". Explicou que ‘Espigas negras' é unha peza que xurdiu "dunha comuñón entre o íntimo e o documental" abordando a historia das mulleres do Saviñao que en 1946 enfrontáronse ao réxime franquista intentando frear a saída dun camión cheo de gran do pobo no momento dos duros anos do racionamento.

Segundo dixo, "sobre todo é unha peza que nace por e para a miña avoa, que vivía nunha aldea preto de Lalín, en Prado, onde súa nai tiña unha panadería. Ela naceu no 36 polo que viviu nos anos da posguerra. E nesa panadería tiñan que cocer polas noites debido ao racionamento, porque non chegaba, e darlle parte dese pan Á Garda Civil para que non as denunciaran, porque tamén eles morrían de fame, non chegaba o pan do racionamento nin sequera aos corpos de seguridade", dixo, para engadir que "gustaríame preguntarlle todas as cousas que viviu á miña avoa e non podo facelo. É por iso que escribo esta peza, para lembrala a ela e a todas as que viñeron antes ca min , que son as que me permiten escribir e estar aquí", insistiu.

Pola súa banda, a deputada de Memoria Histórica María Ortega subliñou que o premio de Microteatro de Memoria organizado xunto á ESAD pretende achegar a memoria histórica a un segmento da poboación que non asiste a charlas de persoas investigadoras que falan do que aconteceu tralo golpe do 36."A mocidade é fundamental para transmitir a memoria. É o inicio do noso futuro. E para falar de memoria á mocidade é a mocidade a que ten que falar".

Ortega destacou que a peza de Susana Villaverde foi elixida entre as 20 presentadas. Destacou que "toca con rigor e tamén dende a súa vivencia persoal a memoria histórica proxectando unha imaxe certa do que o pobo sufriu e como sobreviviu". Insistiu no talento da autora e como enfocou a historia dende unha tripla perspectiva (xénero, país e clase) e salientou que, no terceiro ano do premio volve ser unha muller a gañadora. "O talento é feminino", pechou.

Pola súa banda, o director da ESADg Roberto Relova preguntouse "Como non van gañar premios persoas como Susi? Se viran vostedes como traballou! É incrible a visión. O mundo de 2017 cambiou, empeza a idade contemporánea na que as mulleres teñen moito que dicir e non hai volta atrás. Temos que seguir a potenciar eses cambios. Ela é unha desas persoas que ten que loitar e dignificar e ten o significado do cambio que está a pasar coa relación, creación e interpretación das mulleres neste mundo. Eu estou moi orgullosa de ti. A escola está moi orgullosa de persoa coma vós. O alumnado é o máis importante. Desexo todo o mellor na túa vida profesional", salientou.

Finalmente, a responsable do departamento de Dinamización Lingüística da ESADg e secretaria do xurado, Inma López Silva, destacou  que "falar da memoria histórica é necesario e un motivo dende o que chamar á creación. É preciso que o teatro galego dialogue co pasado e reconstrúa o pasado dende a actualidade e o presente". "O texto de Susana foi indubidable para o xurado, feito dende unha perspectiva de xénero e clase, amosando que a represión tiña moitos máis matices que os simplemente bélicos ou cos que nos queren convencer do reparto de culpas. As vítimas foron as persoas que sufrían e trataban de sobrevivir, que é o que conta o texto de Susana", finalizou.

Audios

  • Audio