ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.936
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.504

Tomiño acolle este sábado a obra de teatro 'Miss Docet' dentro do ciclo de memoria histórica ‘Barracas' da Deputación

A obra é de balde para o público no Auditorio de Goián ás 21 horas

24 de maio de 2022

A Deputación de Pontevedra leva este sábado a Tomiño a obra de teatro 'Miss Docet' dentro do ciclo de Memoria Histórica 'Barracas'. Trátase dunha iniciativa do departamento dirixido pola deputada María Ortega que pretende espallar a memoria histórica, a cultura e a lingua galega nos concellos provincia coa representación dunha peza de estrea de 'Compañía Eléctrica' totalmente de balde para o público.

'Miss Docet' dará a coñecer a vida de Emilia Docet Ríos, coñecida como a Miss España Galeguista, unha figura silenciada pola historia e que foi recollida por 'Compañía Eléctrica' porque a muller, con 17 anos, aproveitou o concurso de Miss para exercer o seu galeguismo e a súa implicación política ademais de estar moi vencellada aos movementos do deporte e progresistas na cidade de Vigo.

O que se representará en Tomiño, Auditorio de Goián sábado ás 21 horas, é un espectáculo coa dirección de Vanesa Sotelo e a escrita con María Reimóndez, na que aparece en escena como actriz única Iria Pinheiro.

'Miss Docet' pertence ao ciclo 'Barracas' da Deputación, un proxecto posto en marcha por un dobre motivo: garantir que as compañías galegas conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

As pezas que se representan falan de mulleres cun perfil moi destacábel durante a República, como Emilia Docet, María Gómez ou como María Barbeito, que representan o ideario do programa provincial 'O pasado por vir' para poñer en valor as ideas que se perderon co golpe e a represión da ditadura.

O nome do ciclo 'Barracas' tomouse polo seu simbolismo, explicou a deputada, como unha homenaxe á compañía 'La Barraca' coa que Federico García Lorca percorreu Galiza no marco das Misións Pedagóxicas que no período republicano pretendían achegar a cultura a distintas vilas.