ATOPO
Rexistros actuais: 1.161.255
Obxectos dixitais dispoñibles: 422.828

María Ortega: "hai que rematar coa impunidade dos que converteron o noso país nun cárcere para as nosas avoas"

A Deputación de Pontevedra celebrou hoxe as xornadas de memoria ‘Individuas de dudosa moral' falando sobre a represión sexual da da Sección Feminina e do Patronato de Protección a la Mujer na ditadura

08 de abril de 2022 , Memoria histórica
Xornada individuas de dudosa moral

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, deu un paso máis hoxe na súa reivindicación de loita contra a impunidade dos crimes franquistas. Nas xornadas ‘Individuas de dudosa moral' reclamouse verdade, xustiza e reparación de maneira concreta para as mulleres: tanto para as que sufriron asasinatos e violacións directas, para aquelas outras que foron afastadas das súas crianzas co roubo de bebés, para as recluídas por actitudes ‘amorais' nos Patronatos, e para todas as que en xeral sufriron o sometemento sistemático aos varóns e a coacción das súas liberdades sociais e sexuais nos anos da ditadura.

A deputada María Ortega destacou na inauguración a importancia de facer memoria con perspectiva de xénero, tocando as formas máis incómodas da represión padecida polas mulleres galegas "precisamente porque durante anos se empeñaron en que non as lembráramos".

O departamento de Memoria –explicou a nacionalista- organizou as xornadas para denunciar "tanto o silencio imposto sobre os diferentes crimes do franquismo como o relato tramposo transmitido pola ditadura e mantido con total impunidade ata os noso días, unha imposición que foi especialmente gravosa para as mulleres". Manifestou a intención de "liberar ás seguintes xeracións do peso dese silencio e ofrecerlles a posibilidade de coñecer unha visión máis obxectiva da historia, e polo tanto, máis xusta. Cremos que é a nosa obriga. Que é obriga de todas as administracións traballar a reo para acabar coa impunidade dos que mataron, espoliaron, raparon, violaron, afastaron ás mulleres da súa descendencia e converteron o noso país nun cárcere para as nosas avoas".

A xornada contou coa participación de numerosas expertas en materia de memoria e xénero, como a investigadora María Victoria Martíns, quen falou do ideal de muller franquista sometida aos varóns, destinada ao matrimonio e a procreación, segundo as indicacións da Sección Feminina, que descartaba calquera tipo de pracer sexual e instaba a ‘frear o fervor' incluso dentro do matrimonio. Falaron tamén Llum Quiñonero e Enriqueta Barranco sobre o Patronato de Protección a la Mujer, unha institución de corrección moral para mulleres na que, segundo denunciaron, se cometeron ‘crimes' aínda sen xulgar deixando á igrexa –encargada da súa xestión- impune.

Xa pola tarde, abordouse o roubo de bebés coa presidenta e a avogada da asociación ‘Todos los niños robados son también mis niños', que falaron das diferentes motivacións polas que se organizaron as desaparicións forzadas das crianzas. Criticaron que aínda hoxe a Proposición de Lei sobre bebés roubados estea paralizada no goberno central, con emendas e valoracións internas que a manteñen bloqueada e que van contra o espírito mesmo da nova lei. Pola súa parte Marga Rodríguez achegou a súa visión como irmá dun bebé roubado.

O último relatorio correu a cargo da activista Nanina Santos, quen subliñou que as relacións de mulleres lesbianas no réxime foron totalmente invisibilizadas por ser a maior transgresión contra o franquismo e os seus valores. Finalmente, proxectouse o documental ‘Sacar a la Luz. Memoria de las rapadas', que contou coa presentación dunha das súas directoras, Lola Martín-Consuegra Martín-Fontecha.

Pola súa banda, a concelleira Carme Fouces, que participou na apertura das xornadas, cualificou a programación ofertada pola Deputación de "espectacular e imprescindible". Salientou que é fundamental que as administracións traballen dende o feminismo coñecendo a bagaxe dos feitos históricos "para comprender o que acontece hoxe, porque quérennos facer entender que as cousas non son como antes, pero a nada que rasquemos aparece un paralelismo inexplicable", salientou.

Os alardes sexuais, para as malas mulleres; as decentes, a frear o ‘fervor'

A investigadora María Victoria Martíns fixo unha análise sobre a Sección Femenina e a negación da sexualidade das mulleres. Como contextualización explicou que a Sección Femenina foi un organismo creado polo réxime no 39 para formar á muller nos valores do franquismo: o respecto ao varón, obediencia, pasividade, subordinación, disciplina e submisión total, cuestións que se transferiron tamén á cuestión sexual.

Martíns sinalou que o obxectivo do discurso do réxime era reconducir e controlar ás mulleres que na II República adquiriran un camiño de liberdades individuais e sociais. Así, a formación que se daba na Sección Feminina estaba  destinada principalmente ao matrimonio, sobre todo ás tarefas do fogar, deixando de lado o tema sexual, que non se trataba explicitamente porque era "tabú e pecaminoso".

As cuestións de tipo sexual, de feito, deixábanse en mans dos asesores relixiosos que sempre os trataban como "actos impuros" que non debían facer as mulleres, e que se toleraban só dentro dos límites do matrimonio e coa función de procreación.  No matrimonio, de feito, -explicou a investigadora- "había que ter contención porque para os alardes sexuais estaban as malas mulleres, as prostitutas; as mulleres tiñan que ‘frenar o fervor' porque podían ser tachadas incluso polo seu propio marido de demasiado ‘sueltas' ou ‘casquivanas'. Nada de pracer sexual, nada de anticoncepción...", subliñou.

Martíns fixo un aparte para falar de como era a muller falanxista, "que tiña un comportamento algo diferente ao da muller xeral". Falou incluso das relacións que había entre as mulleres da Sección Feminina, moitas delas de tipo lésbico, algo recoñecido por persoas que viviron dentro da institución. "Era un mundo de mulleres e mulleres solteiras que se relacionaban entre si", explicou.

Finalmente a investigadora subliñou que a pesares de obrigar ás mulleres a ser recatadas, a realidade era que si tiñan pensamentos sexuais. Para argumentalo fixo alusión ao traballo do médico Serrano Vicens que fixo entrevistas a mulleres nos anos 30, 40 e 50, que se publicou nos 70, e que fala do que estas lle contaban sobre a súa sexualidade, abordando temas como as relacións lésbicas (practicadas un 30%), con desexos máis elevados que logo non se levan a efecto, relacións extramatrimoniais e pracer sexual e masturbación. "É un traballo moi interesante para ver a realidade das mulleres, que convivían cunha sensación de pecado... pero o desexo estaba aí e a vida fluía", subliñou.

O ‘Patronato de Protección a la Mujer': crimes sen coñecer e relixiosas impunes

A investigadora, xornalista e escritora Llum Quiñonero foi a encargada xunto á doutora en Medicina Enriqueta Barranco de falar do Patronato de Protección a la Mujer. Esta institución estivo activa entre 1941 e 1985 con ata 900 centros de internamento rexentados por diferentes congregacións relixiosas  para "a dignificación moral da muller, especialmente das mozas, para impedir a súa explotación, apartalas do vicio e educalas con arreglo ás ensinanzas da relixión católica" .

O Patronato estaba presidido por Carmen Polo de Franco, dependía do Ministerio de Xustiza e incluía á xerarquía eclesiástica, a xudicatura, o propio exército e tiña delegacións provinciais en cada capital. O obxectivo principal era reeducar ás que se consideraban ‘descarriadas', caídas ou en risco de caer, segundo a linguaxe do momento. Calquera moza que fora considerada "de dudosa moral, amoral, rebelde, ou que fora unha adolescente que non asumise a autoridade paterna ou lle gustasen ou salise cos ‘varóns', ou incluso fose moito aos bailes, podía ser denunciada pola propia familia, por unha visitadora da institución, por un sacerdote ou por veciños, e podía acabar cos seus ósos nun centro do Patronato. Non había tribunal, non había condena...".

Llum Quiñonero explicou que houbo un momento no que as mozas (de entre 14 e 25 anos) pasaban antes por un centro de clasificación no que se lles tomaba declaración e eran clasificadas en relación a se "pasaran pola cama con algún home", de maneira que se dividían entre ‘completas' e ‘incompletas' e ían a uns centros ou outros en función desa diferencia "para que non se contaxiaran". Apuntou que só no ano 1965 houbo 40.000 ingresadas, pero que faltan datos completos polas dificultades de acceso aos arquivos.

Unha vez no internamento "o que facían as mulleres era ir a misa, rezar o rosario e limpar... e xa nas últimas décadas había talleres e traballo escravo para empresas externas", explicou. "Moitas familias sen posibles mandaban ás fillas de boa fe porque non podían atendelas, pensaban que as ían tratar ben... pero o resultado era outro", sentenzou.

Unha vez explicada a realidade de represión nesta institución, a investigadora criticou o escaso debate e información que se ten dado sobre ela ata o momento. "A chegada á democracia pasou por alto, non moveu, as institucións franquistas", subliñou, asegurando que até o de agora ninguén defendeu as mulleres vítimas desta institución nin se deron as condicións para que se agrupasen e denunciasen como "crimes do franquismo" o que alí aconteceu. "A envergadura do dano causado é alta e está por coñecer, pero as organizacións relixiosas que alí rexentaban saíron incólumes, non deron conta e ninguén lla pediu. Os responsables están impunes", finalizou.

Pola súa banda, a médica Enriqueta Barranco puxo nome ás ordes relixiosas e comunidades segrares que se repartiron "a reforma" das mulleres en España, entre elas as Adoratrices, Oblatas del Santísimo Redentor, Trinitarias, Señoritas Cruzadas Evangélicas, Esclavas de la Virgen Dolorosa, Buen Pastor, Auxiliares del Buen Pastor o Hijas de la Caridad, entre outras .

En concreto, fixo un percorrido pola estrutura e funcións do Patronato de Protección de la Mujer de Lugo, onde o maior número de ingresos estaban tipificados por causas como ‘peligros morales diversos', vida irregular ou licenciosa, ‘malas compañías', ser xestantes, ou amores ilícitos varios.

Roubo de bebés: vítimas sen protección e caso omiso aos crimes

A presidenta da asociación ‘Todos los niños robados son también mis niños' e voceira de CeaQua Soledad Luque, a avogada do colectivo Mayte Parejo e Marga Rodríguez, filla dunha vítima galega de roubo de bebés, foron as encargadas de dar voz a unha realidade dura para as nais de crianzas, o roubo de bebés, desde unha perspectiva  memorialista, como un crime de xénero, e aclarando que non foi unicamente un negocio como se di en moitas ocasións.

Luque destacou que o roubo de nenas e nenos produciuse por motivos euxenésicos, políticos, ideolóxicos, morais, relixiosos, sociais ou de clase, económicos e de xénero e tivo lugar en cárceres, clínicas e maternidades, centros de internamento, e en calquera outro establecemento onde as mulleres parisen.

Segundo subliñou, estes crimes foron "perpetrados" coa participación activa do Estado nun primeiro momento, legalizados mediante a aprobación  de decretos e leis, para posteriormente ir adoptando unha posición pasiva, con actuacións que implicaban consentimento, apoio, aquiescencia e ocultación,  permitindo a súa continuidade ata entrada a Democracia a través de entidades e persoas que formaban parte das institucións do Estado directamente herdeiras do réxime anterior: sanitarias, relixiosas, e persoal funcionario de toda índole.

"En todo momento negouse a debida protección ás vítimas facendo caso omiso dos crimes, o cal se reflicte nas escasísimas investigacións destes casos ou, cando as houbo, no seu arquivo masivo", criticou. Neste sentido, tanto Luque como Parejo destacaron que se teñen dado pasos positivos na loita contra a impunidade, como a realización de informes internacionais de Nacións Unidas que instan ao Estado Español a que aprobe a Lei sobre bebés roubados sen demora, inclúa unha referencia explícita do delito de desaparición forzada no Código Penal e estableza penas específicas.

Por último, ambas activistas salientaron que é preciso avanzar de maneira urxente Proposición de Ley en marcha logo do enquistamento existente no trámite de emendas da aberto dende hai ano e medio. Segundo afirmaron, as valoracións feitas polo Ministerio de Xustiza desvirtúan o texto proposto dende o colectivo, que defende que os roubos de bebés sexan considerados crimes do franquismo, que haxa tutela xudicial e que exista unha fiscalía especializada para abordar os casos.

"As valoracións do Ministerio pretenden manter o ‘status quo' e lexitimar a situación legalmente", dixo Luque, que esixiu unha resposta clara do goberno central ante esas liñas vermellas "porque do contrario actuaremos doutra forma e non só a través das vías institucionais para facer valer os nosos dereitos".

Marga Rodríguez, pola súa banda, puxo o caso humano no relatorio dos bebés roubados. Como irmá dun bebé roubado en Vigo no 3 de marzo do 1966 no Hospital Xeral de Vigo narrou a vivencia da súa familia: "Chegamos de Suíza a Vigo e miña nai quedou embarazada dun bebé moi desexado. Ata mercamos puros para celebrar o nacemento do ‘macho', como se dicía entón. Nós eramos dúas irmás nenas. Foi un parto normal, todo ía ben, pero a seguinte imaxe que teño son os choros da miña nai cando lle dixeron que o  bebé morrera asfixiado co cordón. Ela non entendía o que pasara porque dicía que ela vira o bebé vivo, loiro e de rizos como era meu pai de neno. Non lle cabía na cabeza que o que parira estivese morto".

A partir de aí a familia recibiu para enterrar de mans da supervisora –unha monxa- unha caixa pequena, case de zapatos, da que o pai nunca creu que fora suficientemente grande para o cadáver dun bebé de nove meses, con "algo" dentro envolto en gasas e papeis de periódico. A sensación de que as cousas non encaixaban estivo sempre presente dente entón na familia, e agora Marga "é a memoria e a voz da súa nai" para intentar atopar ao irmá que lle falta.

"En vida dela fixen todo o que me pediu. As pezas encaixaron de todo cando fun á presentación dun libro no 2013, cando ela xa morrera, e un home levantouse e repetiu a mesma historia que lle acontecera á miña familia... a caixa, as escusas... Alí estaba presente tamén unha auxiliar que traballara no Pirulí –o hospital de Vigo- e díxonos que non sabiamos da misa a media. A partir de aí xuntámonos as persoas afectadas e fomos formando a asociación e investigando os casos", apunta.

A día de hoxe, Marga ten feito probas de ADN en varios laboratorios españois e americanos e cotexado a súa xenética con bases de datos internacionais de xente que busca ás súas familias. Está a refacer a súa árbore xenealóxica. "Eu son un dos moitos casos que existen relacionados co roubo de bebés e seguirei buscando ao meu irmá, nacido o 3 de marzo do 66 en Vigo", rematou.

As mulleres lesbianas: a maior transgresión contra o réxime

A activista licenciada en historia e cofundadora da Asociación Galega da Muller Nanina Santos foi a encargada de abordar a represión sexual desde o enfoque das mulleres lesbianas. Explicou que as mulleres que desexaban a outras mulleres viviron na máis absoluta invisibilización porque "o lesbianismo era tan transgresor que non interesaba poñelo na picota" por se había un efecto contaxio. "Non había escarnios, non había cárceres. Había un control social informal", subliñou.

Santos puxo o foco no substrato da relixión xudeocristiá "que segue a existir e que no Franquismo tivo un momento vizoso". Lembrou que na ditadura a Igrexa levaba o ensino, a socialización e impoñía uns roles sociais que aínda hoxe son aceptados, defendendo que as mulleres non eran seres sexuais e polo tanto non se comprendía que moito menos houbese atracción ao mesmo sexo. Subliñou tamén que naquel entón a Psiquiatría tivo un peso importante na catalogación das mulleres lesbianas como patolóxicas, ‘receitando' electroshock e terapias similares.

Para finalizar, a activista destacou o movemento que houbo  nos anos 80 para a liberación e visibilización da realidade das mulleres lesbianas que fixo mellorar a súa vida, conseguir dereitos e ser aceptadas en sociedade.