ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.765
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Concello de Vigo

Área de descrición

  • Datas de existencia 1836-Actualidade

  • Historia O Concello de Vigo está situado no suroeste de Galicia, pertencendo administrativamente á Provincia de Pontevedra. Limita no norte co Concello de Redondela, polo leste cos concellos de Mos e do Porriño, polo sur cos concellos de Gondomar e Nigrán, e polo oeste co Océano Atlántico e a Ría de Vigo. Este termo municipal ten orixe na Idade Media, período na que a organización territorial de ámbito local baseábase nos coutos, xurisdicións e vilas. A partir do século XVI, no Antigo Réxime, a organización territorial vaise desenvolvendo en base a tres niveis: un Reino-Provincia, as sete provincias, e a subdivisión destes en coutos e xurisdicións que, a súa vez, estarían compostas por parroquias. Neste período, Vigo pertencía á Provincia de Tui. No Catastro de Ensenada (1749) veñen referenciadas as seguintes territorialidades: o señorío de Valadares baixo a soberanía do Marqués que pon nela o xuíz ordinario e o mordomo pedánea; a xurisdición de Bouzas, composta por cinco parroquias e pertencente ao señoría do Bispado de Tui, quen nomeaba a un xuíz ordinaria e contaban cun escribán e rexedores; Fragoso, composto por catorce parroquias sendo o señorío do seu concello; e Vigo que só comprendía dúas parroquias e pertencía ao señorío do Arcebispado de Santiago. Contaba cun xuíz xeral, un presidente do concello, seis rexedores, seis deputados de abastos, dous procuradores xerais e un secretario do concello. Co cambio de Réxime e a instauración do liberalismo establecéronse os concellos constitucionais aínda que de forma intermitente debido aos sucesivos períodos absolutistas e liberais do primeiro terzo do século XIX. A altura de 1813, no Partido Xudicial de Tui estarían encadrados os concellos de Bouzas, Fragoso, Lavadores, Valadares e Vigo. Posteriormente, en 1820, no repartimento que fai a Deputación Única de Galicia aparecen citados os concellos de Bouzas, Cabral, Lavadores, Teis, Valadares e Vigo, todos eles incluídos no Partido Xudicial de Vigo. En 1822 realízase a división de Galicia en catro provincias constituíndose a efémera Deputación da Provincia de Vigo conformada por 11 partidos xudiciais. A esta altura mantíñanse os concellos de Bouzas, Cabral, Teis, Valadares e Vigo. Finalmente, e tras a aprobación da división provincial de Javier de Burgos en 1833 e a aprobación do RD do 23 de xullo de 1835, estableceríase a nova planta dos concellos constitucionais da provincia na que constaban os tres concellos que acabarían unificándose no actual Concello de Vigo: o Concello de Bouzas conformado por nove parroquias (Bouzas, Coia, Alcabre, Comesaña, Matamá, Navia, Coruxo, Oia e Saiáns); o Concello de Lavadores composto por sete parroquias ( Lavadores, Candeán, Cabral, Bembrive, Beade, Valadares e Zamáns); e o Concello de Vigo que abranguía seis parroquia (Santa María de Vigo, Santiago de Vigo, Teis, Freixeiro, Castrelos e Sárdoma). Tras a publicación da nova planta en 1836 existirían algunhas reclamacións para modificar a composición destes concellos. En 1837, Teis e Candeán queren segregarse e conformar un concello propio. En 1842 serán as parroquias de Freixeiro e Castrelos os que soliciten a segregación e a conformación como concello. En 1844, Valadares e Zamáns piden segregarse do Concello de Lavadores e conformarse como concello propio. Nese mesmo ano, os veciños de Teis pedirán segregarse do Concello de Vigo e integrarse en Lavadores, do que formarán parte tras a aprobación do RD do 11 de xaneiro de 1846. Posteriormente, tras a Revolución de 1868, a Xunta Revolucionaria de Vigo acorda disolver os concellos de Bouzas e Lavadores e integralos en Vigo aínda que esta integración ficou sen efectos ao pouco de se producir. Non obstante, a integración destes dous concellos acabaría producíndose no século XX. Bouzas sería o primeiro, integrándose de forma efectiva o 5 de outubro de 1904 de conformidade á Lei de Cortes do 30 de abril dese mesmo ano. Así e todo, esta integración tería un precedente coa anexión da parroquia de Coia ao Concello de Vigo anos antes. Pola súa parte, o Concello de Lavadores sufriría unha segregación dentro do seu termo municipal. Neste caso sería a parroquia de Teis a se conformarían como concello durante un breve lapso de tempo (1935-1936). Finalmente, e tras o acordo do Consello de Ministros do 27 de marzo de 1941 o Concello de Lavadores sería anexionado ao Concello de Vigo dando por finalizada a evolución territorial desta administración local. Xa que logo, o actual concello de Vigo é froito dunha longa evolución que deu lugar á maior cidade de Galicia en número de habitantes. Ten unha superficie de 106 km cadrados e dezasete parroquias administrativas: Alcabre, Beabe, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Illas Cíes, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Saiáns, Sárdoma, Valadares, Vigo e Zamáns. As parroquias históricas de Bouzas, Coia, Freixeiro, San Paio e San Xoan do Monte non teñen esta consideración dado que foron integradas na parroquia administrativa de Vigo.

  • Lugares Galicia - Pontevedra - Comarca de Vigo - Vigo

Área de control da descrición

  • Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)