Creador de
Hospital Sancti Spiritus (Baiona)
Área de descrición
Datas de existencia 1458-1912
Historia Avila y Lacueva, que pasou a súa vida entregado ao estudo da zona sur de Pontevedra, no tomo 2° da súa obra Historia Civil y Eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado (inexplicablemente inédita desde o ano 1852) ao referirse a Baiona achéganos os datos máis antigos coñecidos do Hospital de Sancti Spiritus. Di: " ... también goza la Villa de un Hospital de pobres regularmente dotado con la invocación de Sancti Spiritus, el que antiguamente estuvo dividido en dos, el uno con dicho título, y el otro con el de Sta. María Magdalena según consta por el testamento que otorgó María Alfonso mujer de Vasco Yáñez vecina de la villa de la Guardia en el año 1458, pues en él deja algunas limosnas a ambos hospitales por las siguientes cláusulas: ltem mando al Hospital de Sancti Spiritus de Bayona; Item mando al otro Hospital de Sta. María Magdalena que está cerca de Sta. María de Bayona, cuyo testamento existe en el archivo de la casa de los Correas Señores de Goyán donde lo hemos leído". O primitivo Hospital de Sancti Spiritus estaba situado no que se denominaba Vila Vella, que viña albergar no século XVI e metade do XVII o maior grupo de poboación, e situábase no que hoxe chamamos campo da Palma, entre o convento de monxas dominicas e as murallas do recinto fortificado de Monterreal. Para asegurar a defensa da fortaleza, entre 1664 e 1665 levouse a cabo o derribo de máis de 400 casas que constituían a citada Vila Vella. Con anterioridade fórano o templo da Misericordia, o hospital Sancti Spiritus e a Casa Consistorial. A decadencia de Baiona faise máis patente aínda: de 2.000 veciños (uns 10.000 habitantes) que tiña na súa época de esplendor (século XVI), redúcese agora, con motivo dos derrubamentos, a 240. En 1671 foi adquirida a dona Grimanesa Pereira de Castro, viúva do capitán Gerónimo Gómez de Meneses, unha casa con horta detrás e con saída á rúa Costanilla (hoxe M. Valverde ou do Hospital) por 400 ducados de vellón para Hospital de pobres do Espírito Santo. O licenciado e mordomo do Hospital, Juan Pereira Gallegos, principal artífice da citada compra, pagou en 1679 ao canteiro Domingo Fernández 816 reais por facer a parede frontispicio e entrada da porta principal do hospital. Desta data máis ou menos debe ser a construción da espadana ou campanario, así como a unión dos dous hospitais que cita Avila y Lacueva, o de Santa María Magdalena, que ben podería ser a casiña que fai esquina co patio interior pero sen horta (casa B no plano), e a casa adquirida (A no plano), de meirandes dimensións e con horta. Ao ano seguinte, en 1680, os frades de San Juan de Dios, que desde moi antigo rexentaban este establecemento, cedérono ao Concello para que o administrase. Daba sustento e aloxamento a oito pobres. O hospital de Sancti Spiritus tiña unha confraría do mesmo nome que o gobernaba, e cónstanos que xa existía en 1585, segundo documentos do arquivo dos A confraría do Apóstolo Santiago, que xa existía en 1571 segundo Herminio Ramos, posuía unha horta fronte á Colexiata, de par do hospital de Sancti Spiritus, onde se situaba o hospitaliño chamada de Santiago, que servía para dar abeiro aos peregrinos e pobres. Con toda seguranza, este hospitaliño con horta, onde existe hoxe unha vella e alta palmeira, sería o que figura como casa C nos planos que se acompañan do estado anterior á última reforma para a creación da Casa da Cultura. Con motivo das reformas que se ían realizar no hospital de Sancti Spiritus, por encontrarse xa en ruína desde 1779, foi doada esta horta e hospitaliño ao antedito hospital en 1796, quedando así ampliado o solar ao que se nos ofrece na actualidade. Madoz, no seu Diccionario geográfico estadístico de 1856, dinos que en Baiona se sostén un hospital que presta de continuo os seus auxilios a 405 enfermos. É de supor que fosen anuais. O hospital sostíñase principalmente de doazóns e esmolas, así como das rendas que lle producían as súas propiedades repartidas en todo o Val Miñor (hortas, viñedos, etc.). O corso de Baiona contribuía así mesmo ao seu sostemento. José de Santiago e Ulpiano Nogueira, no seu libro Bayona, antigua y moderna, de 1902, fannos o seguinte relato: "El modesto edificio tiene un espacioso patio y un huertecito contiguo; reina un perfecto aseo y limpieza en todos sus departamentos. Recordando su advocación del Espíritu Santo, existe sobre la puerta principal un pequeño camarín y hornacina que contenía una paloma radiante, símbolo del nombre que lleva el hospital". O 9 de xaneiro de 1907, por R. O. do Ministerio de Gobernación, é declarado de beneficencia municipal e administrado polo Concello. Polo 1912 as freiras franciscanas hospitalarias da Inmaculada Concepción instálanse nel para a asistencia e coidado de pobres e enfermos, e ultimamente dedicábanse ao ensino de párvulos.
Lugares Baiona
Área de control da descrición
Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)